O Pleno de Vilalba aproba o prego de condicións para a contratación do servizo da piscina
O Pleno do Concello de Vilalba aprobou o prego de condicións para a contratación do servizo de mantemento e xestión da piscina municipal, que ten un orzamento dun millón de euros, polo que foi necesiaria a súa aprobación en Pleno.
Esta proposta do equipo de goberno foi criticada polos grupos da oposición. Vilalba Aberta defendou o inmediato control municipal de ambos os dous servizos coma paso previo á súa definitiva remunicipalización.
Na súa argumentación, fan referencia aos sobrecustes inherentes a toda adxudicación e “ás posibilidades que para as arcas municipais suporían o aforro nas porcentaxes referidas á cota de beneficios industriais que ata o de agora se reservaba a empresa, das comisións comerciais así coma no que ten que ver co pagamento do correspondente IVE, a realizar con cada factura remitida, e que dende Vilalba Aberta cifran nun extra de 56.016,01€ en base ao explicitado no orzamento máximo de licitación”.
Pola súa banda, o Grupo Municipal Socialista reclamou unha maior atención respecto do mantemento da piscina municipal, pois segundo aseguran, o vaso deberá ser reparado de novo tan só un ano despois da súa última posta a punto. O PSOE sinala unha vez máis estas instalacións criticando a xestión do Concello, nesta ocasión polos desperfectos visibles para todas as persoas que fan uso das mesmas.
OUTRAS OBRAS. O Pleno tamén aprobou outra serie de proxectos de obras. A primeira delas é a dos parques infantís, por importe de 60.000 euros. Tamén dous proxectos de camiños, ambos os dous por importe de 300.000 euros e que refiren á repación de camiños do Plan Único da Deputación e o do Plan de Camiños do Concello con cargo á incorporación dos remanentes de tesourería.
Asimesmo, aprobou o arranxo e pavimentación das estradas no grupo das Fontiñas, unha obra que ten un orzamento de 45.000 euros.
MOCIÓNS. O Pleno, que contou cunha orde do día bastante sinxela, e rexistrou cun gran número de mocións. Por parte do PSOE desestimouse a iniciativa que solicitaba a construcción dunha canceira no concello para atender o problema dos animais abandonados. O PP votou en contra desta iniciativa polo seu elevado custe., “Cremos que coa aplicación da Lei de Protección Animal, este tipo de proxectos para o seu correcto funcionamento teñen que ser a través dunha agrupación comarcal ou contar polo menos co apoio de institucións como a Deputación Provincial.
Si foi aprobada a da creación dun Punto Lila durante a Xira, para a atención da violencia machista.
O Pleno tamén aprobou a saída a concurso da adxudicación do Bar da Madalena, unha iniciativa socialista coa que se pretende dar o primeiro paso do trámite, aínda que o prego de condicións están aínda sen rematar de preparar.
Pola súa banda, aprouse a moción do BNG na que se solicitaba a obriga de que os edificios novos incorporen todos eles puntos de recarga para vehículos eléctricos do mesmo xeito que se bonifique a aqueles que xa construídos inclúan esta medida posteriormente.
Non foi para adiante a moción nacionalista na que se pedía a consideración de persoas non gratas aos membros da Manada. O PP votou en contra de dita iniciativa, mentres que o PSOE abstívose. O equipo de Goberno mantivo a súa negativa porque “o que queremos é que se faga unha resolución institucional por parte do Parlamento de Galicia”, explicou o alcalde, Agustín Baamonde.
Por outra banda, indicou que unha declaración deste tipo vai en contra dos principios básicos do país e da Constitución da separación dos tres poderes básicos, o lexislativo, executivo e xudicial “por non falar do longo e difícil proceso que tería por diante semellante acción”, engade o alcalde.
FOMENTO. O grupo de Vilalba Aberta conseguiu o respaldo da corporación vilalbaesa para instar ao Ministerio de Fomento a que realice o proxecto orixinal da rotonda da estrada N-634 ao seu paso pola parroquia de San Xoán de Alba.
Trátase dunha obra que suporía unha solución integral á situación de perigo actual nesta zona. O equipo de Goberno, pola súa conta, engadiu que existe unha situación similar na mesma estrada nacional ao seu paso por Goiriz, problema que tamén será trasladado a Fomento.
Por outra banda, un ano máis, Vilalba Aberta presentou a súa moción contra a utilización do sulfatado indiscriminado “unha medida que, mentres sexa legal, non podemos tomar porque non todo o mundo está en contra desta técnica”, explica Baamonde. Tampouco foi aprobada a moción en contra da externalización dos servizos.