O Pleno de Vilalba votará a renovación da vía de acceso ao grupo La Paz

TerraChaXa
Tamén se dará luz verde á mellora do alumeado no polígono industrial, ademais da actualización de taxas e unha declaración sobre Gaza
pleno-vilalba
24 Sep 2025

O Concello de Vilalba celebrará mañá, xoves 25 de setembro, o pleno ordinario correspondente ao mes de setembro, que terá lugar ás 18:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura.

Na sesión, o equipo de goberno levará entre as súas propostas, a renovación do firme do vial de acceso ao Grupo La Paz, unha actuación necesaria para mellorar a seguridade e a accesibilidade nesta zona residencial.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, asegurou que se trata dunha “actuación demandada polos veciños e veciñas desta zona e necesaria para levar a cabo un correcto mantemento das infraestruturas públicas, contribuíndo ademais a seguir adiante co noso proxecto dun modelo urbano actualizado e coidado”.

Pola súa banda, o equipo de goberno tamén presentará o proxecto de obra para a mellora do alumeado público no polígono industrial Sete Pontes, proxecto dirixido a acadar un maior aforro e eficiencia enerxética. Esta intervención conta cunha subvención de 84.012,76 euros, e permitirá renovar a iluminación para atender as necesidades trasladadas pola Asociación de Empresarios do polígono.

Tamén se someterá a aprobación a modificación das taxas pola prestación do servizo de subministro de auga e da rede de sumidoiros, co obxectivo de actualizar os prezos conforme ao Índice de Prezos ao Consumo (IPC).

“Unha medida que debe levarse a cabo para que as taxas cubran o custo real do servizo, tal e como marca a lei. Ese custo sobe cada ano pola inflación e se non se actualizan as tarifas, o concello veríase obrigado a financiar con cartos doutras áreas un servizo que debe ser autosuficiente, o que non sería nin legal nin xusto” explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

Ademais, o Pleno abordará a aprobación dunha declaración institucional sobre a catástrofe humanitaria en Gaza, sumándose así á demanda de solucións urxentes e á solidariedade co pobo palestino.

A sesión, aberta ao público e transmitida en directo a través da canle de Youtube do Concello, permitirá dar conta tamén doutros asuntos incluídos na orde do día: tres mocións e un rogo presentados polo Bloque Nacionalista Galego, un rogo do Grupo Municipal Popular e as preguntas de cada un dos grupos da oposición.

⚙ Configurar cookies
0.10142493247986