O pleno de Viveiro atenderá unha petición para soterrar liñas eléctricas
SON Viveiro-SON en Común exporá e defenderá, no pleno da corporación que se celebrará o próximo martes, unha moción sobre o Regulamento Electrotécnico para Baixa Tensión e Instrucións Técnicas Complementarias, onde solicitará a creación dunha mesa composta polas persoas responsables das diferentes compañías implicadas –entre as que destacan as de electricidade e telefonía–, polo persoal técnico municipal e polas portavocías dos diferentes grupos políticos, co obxectivo de elaborar un Plan de soterramento das liñas eléctricas existentes, comezando polo centro urbano.
Segundo o voceiro da formación, Luis Manuel García Otero, “é unha das actuacións pendentes no noso municipio, sendo ademais prioritaria para que o casco antigo poida ser declarado conxunto histórico. Debemos adaptarnos á normativa vixente, que sinala que as acometidas aéreas pousadas sobre fachadas deben instalarse baixo condutos cerrados ou canles protectoras con tapa desmontable coa axuda dun útil.”