O Pleno de Xermade aproba a adquisición dun punto limpo móbil e a ordenanza de taxas
O Pleno xermadino aprobou nun Pleno extraordiario unha modificación de crédito para facer fronte á achega municipal da agrupación Guitiriz-Xermade para a adquisición dun punto limpo móbil, por importe de 6.808,83 euros.
Así mesmo, fíxose a aprobación inicial da ordenanza reguladora da taxa polo aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga, e hidrocarburos do Concello de Xermade, polo que se prevé ingresar arredor de 10.000 euros no exercicio 2023.
Outro dos temas que se trataron foi a inclusión dunha subvención nominativa a favor da Universidade de Santiago para o proxecto O papel dos microminerais no doente oncolóxico na provincia de Lugo, dirixido pola investigadora e profesora Marta López Alonso.
Quedou modificada tamén a dedicación parcial da concelleira delegada de Medio rural, Emprego, Infraestruturas de Auga, Sumidoiro, Alumeado Público e recollida de RSU, Medio ambiente e Forestal (aprobada por acordo plenario de data 15 de xullo de 2019), que pasa a ser de 26 horas/semana, cun soldo bruto anual de 16.373,76 euros en 12 pagas a partires do 1 de setembro de 2022.
Na sección de control e fiscalización informouse ao Pleno da aprobación de tres proxectos por parte da Xunta de Goberno Local o 29 de xullo de 2022. O primeiro é o de obras da depuradora do Campo da Feira, en Momán, que vai executar a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, cun orzamento de licitación de 257.902,09 euros, correspondendo ao Concello de Xermade a obtención dos terreos.
Tamén o proxecto de obras de rehabilitación da Reitoral de Xermade para convertela nun Centro Internacional da Torneiría e o proxecto de rehabilitación e ampliación da Reitoral de San Pedro Fiz de Roupar para convertela en Casa da Veciñanza, unha dotación dixirida á terceira idade.
Estes dous proxectos, redactados pola Universidade da Coruña, foron presentados a unha convocatoria de axudas do Instituto de Transición Xusta, para o que se solicitou o 100% dos custes, que ascenden a 403.000 euros no caso da Reitoral de Xermade e 1.490.000 euros no caso da Reitoral de Roupar.