O Pleno de Xermade aproba a distinción de José Mouriño Cuba como fillo predilecto

TerraChaXa
Aprobouse inicialmente o Regulamento de títulos, honras e distincións e á concesión do título de fillo predilecto a José Mouriño Cuba.
JOSE MOURINO CUBA XERMADE
19 Feb 2023

O Pleno da Corporación xermadina celebrou sesión ordinaria o xoves 9 de febreiro de 2023, ás 20.00 horas. Na parte resolutiva aprobouse inicialmente o Regulamento de títulos, honras e distincións, como paso previo á concesión do título de fillo predilecto a José Mouriño Cuba, nado na parroquia de Lousada, unha petición realizada polo Partido Popular vía rogo no pleno de outubro.

Tamén se aprobou un suplemento de crédito por importe de 15325,20 euros, financiado con remanente líquido de tesouraría, para a achega municipal ao programa de investimentos do Plan Único 2023. A Alcaldía explicou a solicitude de participación do concello nesta convocatoria, aprobada pola Xunta de Goberno Local o 8 de febreiro de 2023.

Na parte de fiscalización e control deuse conta da liquidación do orzamento do exercicio 2022, que foi aprobada por Decreto da Alcaldía de data 6 de febreiro de 2023, que arroxa un resultado orzamentario de 208.440,62 euros e un remanente líquido de tesouraría para gastos xerais de 600.337,07 euros. No 2022 os gastos financiados co remanente do 2021 ascenderon a 470.878,00 euros, o que supuxo o incumprimento dos principios de estabilidade orzamentaria e a regra de gasto, sen consecuencias pola suspensión das regras fiscais, que se mantén para 2023.

Ao remate da sesión, o alcalde anunciou que acaban de recibir a proposta de concesión provisional dunha axuda de 403.000,00 euros do Instituto de Transición Xusta para rehabilitar a Casa Reitoral de Xermade, que se transformará nun Centro Internacional da Torneiría, segundo o proxecto redactado polas arquitectas da Universidade da Coruña Luz Paz Agras e Marta Maroño: A Reitoral – CIT

A carpintería exterior do inmoble foi substituida recentemente con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.
O alcalde lamentou que o outro proxecto presentado a esta convocatoria de axudas, a Casa da Veciñanza de Roupar, fora denegado provisionalmente, e anunciou que presentarán alegacións no prazo de dez días outorgado ao efecto.

0.14353799819946