O Pleno de Xermade aproba uns orzamentos por valor de 2,04 millóns de euros

TerraChaXa
A Corporación xermadesa reuniuse o pasado xoves 9 de novembro en sesión ordinaria para tratar entre outros asuntos de grande relevancia a aprobacións dos orzamentos municipais, que este ano ascenden a 2,04 millóns de euros, 90.
concello de xermade vista 2
16 Nov 2023

A Corporación xermadesa reuniuse o pasado xoves 9 de novembro en sesión ordinaria para tratar entre outros asuntos de grande relevancia a aprobacións dos orzamentos municipais, que este ano ascenden a 2,04 millóns de euros, 90.000 euros máis que o ano pasado.

O capítulo máis elevado de gastos corresponderá aos de persoal, onde se contemplan ademais das retribucións aos membros electos, as nóminas do persoal funcionario así como persoal laboral temporal e interino.

O orzamento de gasto corrente en bens e servizos aumenta lixeiramente en importe global e o aumento en relación co consignado no ano anterior (79.430,83 euros respecto ao 2023). Responde ao incremento estimado do prezo hora do Servizo de Axuda no Fogar no último cuadrimestre de 2024 (de 14,50 a 19,00 euros a hora), o que supón un incremento de 85.628,40 euros máis.

Esta previsión de incremento vai ser afrontada exclusivamente polas arcas municipais, dado que a Xunta de Galicia en 2024 vai achegar 12,00 euros/hora para o SAF dependencia e os usuarios manteñen a contía de 2023 en concepto de copagamento. O Concello de Xermade achegará un total de 84.179,62 euros para o Servizo de Axuda no Fogar nas súas dúas modalidades de SAF básico e SAF dependencia, fronte aos 22.269,22 euros que achegou no exercicio 2023.

Consígnanse créditos para a concesión de axudas e subvencións ao longo deste exercicio. A contía aumenta notablemente respecto ao 2023, pasando dos 52.690,90 euros aos 70.32,79 euros, o que supón un incremento do 33,36%. Dótanse, na mesma contía que no ano anterior, as seguintes as axudas para actividades das asociacións de veciños (20.865,00 euros), para as festas e tradicións populares que se celebran no municipio e premios (3.368,79€), e por nacementos (7.200,00€), ademais das axudas de emerxencia social (3.000,00€).

Contémplanse tamén axudas aos equipos deportivos, coa UNED sénior (2.000 euros); para a asociación Educando en familia (3.000) e para a Invernada de Cine de Cabreiros. Outro ano máis recóllese o premio Xermade na historia, dotado con 3.000 euros. Recóllese o importe do convenio en vigor para a recollida de animais abandonados, por importe tamén de 3.000 euros.

INVESTIMENTOS

Dentro do capítulo de investimentos, e deixando aparte a achega municipal para investimentos do Plan Único 2024 (15.325,20 euros) e do Plan de Camiños de Agader (13.336,60 euros), increméntase respecto ao 2023 a dotación para investimentos en abastecemento e depuración de augas (pasa de 6.000 a 9.000 euros), a efectos de continuar coa mellora do servizo, consonte ao previsto no Plan de minimización e perdas de auga aprobado en 2023.

Prevese a achega municipal de 4.077,78 euros para a anualidade 2024 do investimento  de obras de mellora do pavilllón polideportivo e pista deportiva de Xermade, financiado nun 80% pola Xunta. O importe deste capítulo increméntase en 9.354,84 euros respecto ao consignado en 2023, o que supón un 18,53% máis. "Trátase dun esforzo notable en materia de investimentos, que debe analizarse xunto coa achega á obra da depuradora do Campo da Feira en Momán, que está executando a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Porén, o grande investimento que se iniciará no 2024 é a rehabilitación da reitoral de Xermade, financiada ao 100% polo Instituto de Transición Xusta, cun orzamento de 403.000,00 euros", explican desde a Alcaldía.

Prevese a achega do Concello de Xermade á depuradora do Campo da Feira, en Momán, por importe de 28.672,70 euros, consonte á segunda addenda ao convenio aprobada pola Xunta de Goberno Local.

OUTROS ASUNTOS DO PLENO

Durante o pleno tamén se aprobou o Plan de ordenación de recursos humanos para a redución da temporalidade no Concello de Xermade no período 2023-2026: co que se prevé aprobar unha Oferta de Emprego Público extraordinaria antes do 31/12/2023 a fin de incluír tres prazas que se atopan vacantes na Relación de Postos de Traballo en vigor: Informe-proposta do Plan de ordenación de RR.HH.

Aprobouse tamén o Plan Estratéxico de Subvencións para o período 2024-2026, que trae como novidade un aumento significativo do importe das axudas a asociacións para o fomento de actividades culturais e deportivas de interese municipal.

Por outra banda, douse conta do Plan anual de contratación aprobado pola Alcaldía, así como do Período Medio de Pago correspondente ao 3º trimestre deste ano, que é de 9,44 días.

Finalmente, o Pleno acordou conceder dúas bonificacións do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras a SAT As Cavadas, por dúas obras relacionadas coa explotación gandeira da que é titular nas Cavadas e Aboelle.

0.19637298583984