O Pleno vilalbés aproba a obra de renovación do acceso ao núcleo de Lobán, en Samarugo
O Pleno Municipal de Vilalba aprobou por unanimidade a proposta do tenente de alcalde Modesto Renda, relativa á aprobación do proxecto de renovación e mellora da vía que lle dá acceso ao núcleo de Lobán, na parroquia de Samarugo.
O Concello alegou a "necesaria actuación", que conta cun orzamento de execución material de 9.722 euros, ós que hai que engadirlle un 13% de gastos xerais por importe de 1,263.98; un 6% de beneficio total industrial por importe de 583,37, e un 21% de IVE por valor de 2.429, do que resulta un presuposto de execución por contrata de 14.000 euros.
A obra adxudicarase xa esta semana e a actuación complementarase coa mellora doutras tres vías pertencentes tamén á parroquia de Samarugo. En concreto, nos accesos ós barrios de Campomaior, Cornide e outro ramal ao mesmo barrio de Lobán.
"Estamos a falar dun dos #viais en peor estado de todo o termo municipal e, dende o primeiro día da lexislatura, axilizamos traballo e #trámites para podermos actuar", explicou Modesto Renda.