O PM de Friol recibe un premio por manterse quince anos como equipo de alta competición
O PM Friol foi recoñecido no acto de firma do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e Abanca para o Plan de patrocinio dos equipos galegos de Alta Competición, como un dos equipos galegos que logrou manterse 15 anos consecutivos na Alta Competición. Este galardón supón un motivo de orgullo para o club, que ve así recoñecido o seu esforzo e constancia na promoción do fútbol feminino.
“Este recoñecemento é froito do traballo incansable das nosas xogadoras, corpos técnicos, directivos, patrocinadores, socios e colaboradores, que, a pesar de contar con menos recursos que moitos equipos de grandes cidades, conseguimos manternos ano tras ano na elite do deporte”, destacaron desde a dirección do club.
O evento tamén puxo de manifesto a importancia de iniciativas como as desenvolvidas pola Fundación Deporte Galego, que, en colaboración con entidades privadas como Abanca, incrementaron progresivamente o apoio económico aos clubs galegos. Este respaldo foi clave para que equipos de deportes minoritarios ou de zonas con menos recursos poidan competir ao máis alto nivel.
O PM Friol agradeceu especialmente este recoñecemento á Fundación Deporte Galego, destacando que o seu apoio foi fundamental para superar momentos económicos difíciles e manterse na competición. “Esperamos que a nosa colaboración continúe durante moitos anos máis”, sinalaron desde o club.
Este premio reforza o compromiso do PM Friol co fútbol feminino e coa promoción do deporte en Galicia, servindo como un exemplo de superación e esforzo para toda a comunidade deportiva.