O Polo de Friol organiza unha actividade en Antas de Ulla
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou en Antas do Ulla nunha nova actividade dos Venres dos Polos, que organiza a Xunta, a través da súa rede de polos, para dar un pulo ao emprendemento nas diversas zonas de Galicia.
Nesta ocasión, interveu na actividade Emprendemento con compromiso, organizada polo Polo de Friol, onde se presentou a historia de Pazo de Vilane e, coa súa fundadora, falouse de aposta polo emprendemento rural, de valores e compromiso ou de xestión do cambio e como afrontar dificultades.
Ardao puxo en valor o labor que está a facer o polo de Friol que xa leva atendido un total de 42 proxectos: un 33% deles pertence a actividades profesionais, científicas e técnicas, un 14% a hostalería e un 12% ao sector da información e comunicacións. O número de persoas atendidas neste Polo é de 46, da cales o 67% son mulleres e o restante 33%, homes. O 26% destas persoas sitúanse nunha franxa de idade entre 30 e 34 anos e o 42%, entre 35 e 52 anos.
Ao polo de Friol súmanse os da Fonsagrada, Mondoñedo e Monforte de Lemos na provincia de Lugo. Proximamente, abrirase outro en Sarria.