O Polo Espacial de Rozas contará con 15 hangares, dous deles en construción
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou o Polo Aeroespacial de Galicia onde se está a acometer a primeira fase de construción do parque tecnolóxico e industrial, que alcanzará unha superficie de 31.000m² e terá capacidade para albergar unha quincena de naves.
Acompañado por representantes do Instituto de Técnica Aeroespacial (Inta), o vicepresidente económico puido comprobar a marcha desta primeira fase, na cal se está a traballar sobre unha área inicial de 3.000m² onde Babcock xa está a piques de rematar a construción do seu hangar e Indra fará outro.
Conde salientou que se trata dunha infraestrutura que xa é unha realidade e, sobre todo, que ten moito futuro por diante porque o obxectivo é que este parque industrial conte cunhas instalacións únicas e pioneiras en España que sirvan como base de operacións ás empresas dun sector con gran potencial de crecemento como é o aeroespacial. Segundo dixo, contar con máis e mellores infraestruturas fai do Polo Aeroespacial un reclamo para atraer novos investimentos e fortalecer, así, o tecido empresarial deste sector en Galicia.
O Polo Aeroespacial do 2025
O vicepresidente económico salientou que ese é xustamente un dos retos para o vindeiro período 2021-2025 no que se prevé un investimento público-privado de 160 millóns de euros para reforzar as infraestruturas existentes, consolidar a industrialización de equipos e sistemas, e avanzar na busca de solucións tanto para o sector público como privado. Unha nova fase, dixo Conde, que “vai permitir que Galicia poida seguir na vangarda do sector dos avións non tripulados no eido do coñecemento, da investigación e, sobre todo, coas achegas da industria e coa presenza de multinacionais como Indra, Boeing, Babcock e a través da colaboración do Instituto de Técnica Aeroespacial (Inta)”.
Con ese fin, a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), lanzou o pasado mes de xuño unha consulta ao mercado para identificar novas tecnoloxías e tendencias no sector e deseñar o Polo Aeroespacial do 2025. Ao respecto, Conde apuntou que se recibiron 153 manifestacións de interese -presentadas por 67 entidades diferentes- das que, máis da metade proceden doutras comunidades autónomas e de empresas de países como Israel, EEUU, Portugal, Suíza, Italia ou Holanda.
O vicepresidente económico adiantou que a Xunta traballa coa previsión de que, unha vez avaliados os resultados desta consulta, se poida dispoñer dun mapa de demanda para finais de ano, que vai ser fundamental para coñecer os retos do sector, as necesidades das empresas, para deseñar actuacións de apoio e para trazar novos obxectivos.
Sobre a resposta recibida, Conde dixo que demostra a repercusión e os progresos que está a facer o Polo Aeroespacial de Galicia, que está posicionando Lugo como un referente do sector e amosando o compromiso da Xunta coa Galicia máis innovadora. Nesta liña, concluíu asegurando que non haberá desenvolvemento económico se non é sustentable e tecnolóxico e que esa vai ser unha das principais premisas desta lexislatura.