O pontés Manuel Escourido representará á UDC na xunta directiva do Clúster da Moda
O coordinador do grao en Xestión Industrial da Moda, o pontés Manuel Escourido, representa á Universidade da Coruña na nova xunta directiva de Cointega – Clúster Gallego Textil Moda, logo da asemblea xeral que tivo lugar en Santiago de Compostela e na que o empresario téxtil Javier Guerra foi nomeado presidente en substitución do fundador e propietario da empresa Alba Conde, José Antonio Conde, quen levaba 38 anos á fronte da patronal téxtil galega.
Tal e como indican desde Cointega, o cambio de presidente preséntase como un momento refundacional para a entidade, quen modificou a súa denominación, os seus estatutos e a súa composición para dar cabida a un maior número de empresas e representar a realidade actual da industria da moda en Galicia. Deste xeito, a patronal téxtil galega, que mantén a súa sede en Vigo, determina cinco novas tipoloxías de asociados e asociadas.
En primeiro lugar, figuran os membros fundadores, onde se inclúen as asociacións de confección da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. En segundo lugar, as empresas asociadas aos membros fundadores. A terceira categoría aglutina ás grandes empresas do sector, aquelas compañías que facturan máis de oitenta millóns e que teñen o seu domicilio fiscal en Galicia, achegándose así aos grandes grupos galegos como Inditex, Sociedad Téxtil Lonia ou Bimba e Lola.
Na cuarta categoría inclúense aqueles membros asociados correspondentes a centros de coñecemento e innovación, é dicir, organismos públicos, universidades, centros tecnolóxicos ou asociacións textís que leven a cabo tarefas de innovación e teñan a súa base en Galicia. Na quinta e última categoría, figuran os e ás representantes de empresas de actividades especializadas do sector e de toda a súa cadea de valor como poden ser as compañías de mobiliario, de loxística ou de tecnoloxía.
Ademais de Javier Guerra, a nova xunta directiva integra como vicepresidentes a José Antonio Conde (Alba Conde) e a Carlos López Loureiro (Creaciones Foque). Alberto Rocha continúa como secretario xeral e tesoureiro aínda que estes postos son de transición á espera de que o presidente os remodele nos próximos meses.
Tamén forman parte da nova executiva da patronal téxtil galega Dora Casal (Roberto Verino), Florentino Cacheda (Florentino), José María Álvarez Gallego e Cristina Millarengo Barro (Inditex), Alejandro Marqués de Magallanes (Partenón), José Bahamonde Fernández (Texvigo), Álvaro Rodríguez Toubes (Paz Rodríguez), Diego Piñeiro (Selmark), José Antonio Cachón (ElPulpo), Joaquín Diéguez Garza (Diéguez), Manuel Escourido Calvo (Universidade da Coruña) e Antonio García Lorenzo (Universidade de Vigo).
A primeira titulación bilingüe do Sistema Universitario de Galicia
Desde o curso 2018/19, a Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle o grao en Xestión Industrial da Moda, a primeira titulación bilingüe do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O profesor da Universidade da Coruña, Manuel Escourido, coordina un grao único en España e no que o alumnado afonda, ao longo de catro cursos, en cuestións relativas ao deseño, ao management, á enxeñaría de procesos, aos sistemas de información ou á sustentabilidade.
O estudantado interesado en cursar esta titulación debe acreditar un nivel de inglés B1 no momento de formalizar a matrícula, unha vez teña realizadas e superadas as Probas ABAU e obteña a correspondente praza.
Na actualidade, o grao ten máis de 100 convenios de colaboración asinados para a realización de prácticas curriculares e extracurriculares en empresas de recoñecido prestixio tanto a nivel autonómico como nacional entre as que figuran Adolfo Domínguez, Louis Vuitton, Selmark, Augusto Bellini, El Corte Inglés, Nanos, Peris Costumes, Kusilas, Ottodisampietro, Roberto Verino, Olga Santoni ou ElPulpo.