O popular Javier Jorge Castiñeira preséntase á reelección como alcalde de Foz

TerraChaXa | AMariñaXa
15 Feb 2019

O popular Javier Jorge Castiñeira preséntase á reelección como alcalde de Foz coa mesma ilusión que no ano 2011, pero con máis experiencia e moito traballo feito. Díxoo no acto que se celebrou esta tarde no hotel Leyton coa participación da presidenta do PP provincial de Lugo, Elena Candia; e do portavoz adxunto do grupo popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro.
“A verdade é que me sinto plenamente orgulloso de poder repetir, de poder facelo coa mesma ilusión que levaba no ano 2011, pero loxicamente con moita máis experiencia e cun proxecto que está aí para que todos o poidan xulgar. A nosa intención, durante estas próximas semanas, é  avaliar o traballo que fixemos. Para nada imos meternos en ningún tipo de críticas nin en debates estériles coa oposición. Descoñecemos a día de hoxe quen van ser os nosos rivais e o Partido Popular de Foz ten oito anos de garantías na economía local, de rigor nas contas, de estabilidade orzamentaria, máis as garantías das obras e investimentos que se fixeron durante este mandato. E sobre todo por telo feito en minoría, chegando a pactos e acordos con practicamente todos os partidos da corporación municipal”, explicou Javier Castiñeira.
Ademais o candidato do PP á Alcaldía de Foz destacou que “cousas que eran impensables hai oito anos, como aprobar un plan xeral de ordenación municipal, é un feito histórico porque Foz xa posúe un PXOM actualizado. Tamén conseguimos que funcione a residencia de maiores, que é cousa de quince días; temos un pavillón polideportivo municipal recentemente modificado; temos unha oficina de turismo virtual da Mariña no CENIMA e tamén un centro de interpretación de San Martiño, que está funcionando desde hai un ano. Ademais estamos remodelando a zona de As Torres e houbo un cambio fundamental no centro urbano de Foz. Tamén se duplicaron os servizos para a dependencia no noso concello. Son moitos fitos como estes os que marcan esta lexislatura, da que imos dar conta aos nosos veciños, e imos facelo con todo o rigor, con todo o criterio e desde a humildade e a ilusión de poder renovar, non só mellorando os nosos resultados senón tamén cunha maioría absoluta que sexa xusta co traballo feito nestes últimos anos”.
Estas son, segundo a presidenta do PP da provincia, “as características dun bo alcalde e as que creo que debe reunir calquera rexedor”. Así, Candia concluíu dicindo que “Javier Jorge Castiñeira e o PP de Foz merecen a maioría absoluta”.

0.12592101097107