O porco celta, protagonista dunhas xornadas gastronómicas en Vilalba
A asociación de empresarios Sete Pontes de Vilalba, coa colaboración da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (ASOPORCEL), impulsan unhas xornadas gastronómicas da Raza Porco Celta que se desenvolverán entre o luns 30 de outubro e o domingo 5 de novembro "co obxetivo de dinamizar o sector hosteleiro da zona e, á súa vez, promocionar unha das nosas razas autóctonas como é o porco celta".
Son un total de 18 locais do concello os que contarán co distintivo 100% Raza Autóctona Celta para asegurar que realmente se trata de porco celta, segundo explicaba Iván Rodríguez -director técnico de ASOPORCEL- na presentación destas xornadas. Uns locais ofrecerán tapas entre as doce e media e as tres e dende as sete e media ás once, outros pratos e outros ambas opcións. Polo tanto, non hai un prezo de referencia previamente establecido pola organización porque consideraron que "é variable dependendo da parte do porco que cada un sirva", segundo indicaba Manuel Silvosa -representante da hostelería vilalbesa-. Tamén participaba na presentación o criador do municipio, Saúl Rouco Trastoy, da explotación Fraga do Coto.
Iván Rodríguez convidaba a vilalbeses, vilalbesas e visitantes a participar nestas xornadas porque "hai moitas formas de recuperar unha raza, pero qué mellor que degustándoa".
Raza Autóctona
O porco celta é a única raza porcina co distintivo de calidade 100% Raza Autóctona Celta que concede o Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.