O PP acusa á alcaldesa de primar o interese do BNG sobre o de Barreiros

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Para o municipio de Barreiros, os meses de xullo e agosto son pezas clave na súa economía.
16 Xul 2020

Para o municipio de Barreiros, os meses de xullo e agosto son pezas clave na súa economía. Sabendo que é así e que, debido a crise sanitaria, vén unha grave crise económica, "a alcaldesa, Ana Ermida, preocupouse máis de intentar que non se celebraran as eleccións autonómicas que de adoptar as medidas precisas para que Barreiros non perda totalmente este verán", así o indica o portavoz municipal de PP, Alfonso Fuente Parga, que di que "a estas alturas a preocupación nos distintos sectores afectados é moi alta, e reclama do Goberno local que adopte as medidas oportunas e reclame o apoio da Deputación para a reactivación económica de Barreiros e do conxunto da Mariña.

Fuente manifesta que “os gobernos locais pilotados por socialistas e nacionalistas, e a propia Deputación, fixeron un grave dano a imaxe da Mariña, en xeral, e de Barreiros en particular, ao reclamar que non se levaran a cabo as eleccións por cuestións sanitarias; a mensaxe tiña outra lectura: se votar non era seguro, tampouco o eran outras actividades. E así moitos dos que xa chegaran A Mariña para pasar días de descanso acabaron marchando. O dano feito a imaxe da comarca, por puro interese político e electoral, foi moi grande; agora teñen a obriga de pedir perdón e traballar para compensar o dano causado”. Os populares están convencidos de que Hermida escribe Bloque en maiúsculas e pon en minúsculas o nome do seu municipio.

Fuente sinala “a alcaldesa fixo todos os esforzos posibles para que non se celebraran as eleccións autonómicas; é dicir, por interese puramente político, preferiu xogar a carta do medo e deixou abandonados ao comercio e a hostalería, que agora se encontran nunha situación moi difícil, moi complicada”.

O mesmo representante popular declara: “A xestión do goberno local, sinaladamente da alcaldesa, foi tan nefasta para Barreiros que nin sequera cubriu a oferta pública de emprego do Concello e así non hai socorristas abondo para atender as praias do municipio. Non foi capaz de dotar as praias dos medios precisos e non se puideron izar as bandeiras azuis que tanto nos anunciou que se recuperaran; creo que este é un dato ben representativo da calidade da xestión da alcaldesa”.

Fuente Parga destaca que a estas alturas, as estradas que dan servizo as praias están en moi mal estado e, como mal remedio, a Deputación, da que dependen, aínda está empezando agora a tapar as fochancas. “É un remendo vergoñento para saír do paso, pero non é a maneira de xestionar adecuadamente os recursos de que dispón un municipio para o que o verán é unha época fundamental para a súa economía”.

Hai que recordar que o deputado José Manuel Gómez Puente reclamou a primeiros deste mes o desbroce da  estrada LU-P-0610, que da servizo, entre outras, á praia de Fontela, na parroquia de San Pedro de Benquerencia e constitúe o acceso a praia das Catedrais. Agora quedan por facer todas as melloras en canto a pavimentación e sinalización. Alfonso Fuente indica: “A alcaldesa de Barreiros o que ten que facer e reclamar da Deputación que deseñe e aplique un plan para o relanzamento da Mariña, tanto mediante unha decidida promoción turística como mediante a mellora das infraestruturas”. A este respecto, como xa se anunciou, o grupo provincial do PP, que ten por portavoz a Javier Castiñeira, defenderá no próximo pleno da Deputación unha proposta para un plan de reactivación económica da Mariña.

 

0.065480947494507