O PP acusa á alcaldesa de Vilalba de priorizar o custo da rúa da Pravia fronte ás lesións denunciadas polos veciños

O Partido Popular de Vilalba criticou a actitude da alcaldesa ante as queixas relacionadas coa rúa da Pravia e lamentou que, ao seu xuízo, o goberno local centre o debate no custo das actuacións e non nas consecuencias que a obra estaría provocando para os veciños. Segundo os populares, “á alcaldesa interésalle máis falar de cartos que das lesións que sofren as persoas na rúa da Pravia”, unha situación que consideran “indignante” ao entender que a prioridade dunha responsable municipal debería ser a seguridade e o benestar da cidadanía.
Desde o grupo popular insisten en que “o primeiro son as persoas e tamén as súas necesidades ou queixas”, ao tempo que aseguran que a situación desta rúa está a xerar numerosas protestas tanto entre residentes como entre visitantes da vila. Na súa opinión, trátase dun espazo recentemente reformado no que se investiu unha cantidade importante de fondos públicos, pero que “non resulta útil para os veciños e veciñas e acumula deficiencias”. Por iso, cualifican a actuación como “un capricho socialista que lles sae caro aos vilalbeses”.
O PP tamén reprocha ao executivo municipal que, mentres realiza este tipo de investimentos, non ofreza respostas ás demandas da cidadanía. “Marta Rouco gasta o diñeiro de todos, pero non dá solución aos problemas e necesidades dos veciños”, sinalan. Ademais dos supostos danos causados a persoas e vehículos, os populares subliñan que as obras da rúa da Pravia supuxeron a perda de prazas de estacionamento e lembran que a alcaldesa anunciou tamén a redución da zona de aparcadoiro no Campo da Feira. Para os concelleiros do PP, esta situación evidencia que “se gasta o diñeiro, pero non se ofrecen solucións aos veciños”, algo que consideran afastado do que entenden como unha boa xestión municipal.
Ante o que cualifican como unha explicación parcial por parte da alcaldesa, os populares engaden que o custo da actuación non se limita á obra de humanización da rúa. Segundo indican, tamén hai que contabilizar outros gastos asociados, como a instalación dos novos sistemas de iluminación, cámaras de seguridade, estudos técnicos e traballos necesarios para os cambios de sentido da circulación, así como a sinalización ou os elementos de xardinería, entre os que citan macetas e flores. De acordo coas súas estimacións, o conxunto destas actuacións suporía un gasto total de arredor de 1,4 millóns de euros, unha cifra que cualifican de “despilfarro”.
Os concelleiros do PP engaden ademais que o goberno local estaría deixando de prestar determinados servizos á veciñanza. Neste sentido, mencionan o peche de diferentes instalacións públicas, como a oficina de turismo ou o museo municipal, así como o funcionamento parcial da biblioteca durante un período. Tamén critican a falta de actuacións para reparar danos nas vías de comunicación das parroquias e a ausencia, segundo afirman, dalgúns servizos básicos.