O PP acusa ao goberno de converter a Pravia "na rúa dos remendos que hipoteca Vilalba"

O Partido Popular de Vilalba lamenta os prexuízos que causan aos vilalbeses as novas obras na rúa da Pravia que a converten na “rúa dos remendos que hipoteca Vilalba”.
Os concelleiros cren que se trata “das obras de nunca acabar” despois de gastar 1 millón de euros de fondos públicos nun proxecto que o goberno local presentaba como un gran bulevar con acabados que ían mellorar as beirarrúas; pero “a realidade dista moito do prometido”.
De feito, aseguran que "segue a ser un pozo sen fondo no que non paran de arranxar deficiencias mediante parches para saír do paso; despois de terse modificado en varias ocasións: para a instalación de badéns redutores da velocidade, un cambio de sentido na circulación que custou cerca de 11.000 euros para xustificar a promesa electoral de Vilalba Aberta mediante un estudo que contradicía o estudo presentado anteriormente polo PSOE”, obras nas beirarrúas para corrixir desniveis que producían caídas aos viandantes, etc.
Para os populares esta situación “non marca un bo futuro para esta rúa”. E engaden que “se dende a súa inauguración hai que intervir a miúdo nunha obra recente de máis de 1 millón de euros de presuposto, non queremos imaxinar como será a súa situación co paso dos anos e a medida que se vaia facendo uso dela”.
Os populares lembran que "mentres que o goberno bipartito asegura que estas obras non van supoñer ningún custe engadido, xa gastaron en torno a 1 millón de fondos públicos e, ademais, todas as decisións, cambios de sentido e obras constantes teñen provocado prexuízos nos establecementos comerciais desta rúa”. Así pregúntanse se “non vai ter ningún custe para os comercios mentres a rúa estea pechada ao tráfico?”.
Dende o PP vilalbés comparten a preocupación dos veciños e veciñas que “nos sentimos enganados porque se nos presentou un gran proxecto de humanización, pero estamos recibindo todo o contrario: zonas con parches de formigón, fochancas na calzada, desniveis perigosos que acumulan auga nos días de chuvia, entre outros.