O PP acusa ao goberno local de que Vilalba quede sen unidade de atención temperá
O PP de Vilalba critica que “preto de 400 familias vilalbesas quedan sen unidade de atención temperá no noso municipio debido á incompetencia do goberno local”. Os populares sinalan que “o goberno bipartito nin tan sequera solicitou a axuda cando a Consellería de Política Social concedeu todas as subvencións solicitadas polas entidades locais para sufragar a prestación deste servizo que cofinancia o Fondo Social Europeo”.
Dende o PP local lamentan que, polo tanto, “as familias con nenos e nenas de entre 0 e 6 anos con algún trastorno no desenvolvemento das súas capacidades terán que continuar a desprazarse ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) para recibir a atención que precisan segundo as súas necesidades específicas”. Os populares inciden en que “este servizo é fundamental para identificar os trastornos que poidan sufrir os menores e actuar de cara a favorecer a adquisición ou a recuperación de funcións e habilidades persoais co obxectivo de mellorar a súa autonomía, convivencia social e familiar e a inclusión social. E, para iso, cada unidade de atención temperá conta cun equipo multidisciplinar de tres profesionais relacionados coa logopedia, psicóloxía, pedagoxía, educación social, fisioterapia, enfermería ou maxisterio, entre outros”.
Os populares non entenden que “o goberno local rexeite este tipo de servizo para un concello que conta cun centro de educación preferente para estes menores como é o CEIP Ínsua Bermúdez e que conta con seis centros que imparten as distintas etapas de educación infantil”. É máis, critican que “prometeran un cambio na política social”; pero “non vemos que sexa a mellor”.
Aposta da Xunta polo servizo de atención temperá na provincia
O Goberno galego, pola súa banda, -tal e como explican os populares- “continúa a apostar por este modelo de prevención, identificación e tratamento precoz para dar resposta ás necesidades específicas que poidan presentar os nosos nenos e nenas nos primeiros anos da súa vida”.
A Xunta concedeu todas as axudas solicitadas por concellos ou agrupacións de todas as cores políticas para a posta en marcha ou o mantemento de unidades de atención temperá que, na provincia de Lugo, dan cobertura a 23 municipios trala creación de tres novas unidades que se suman ás tres que estaban xa en funcionamento.