O PP advirte do “incumprimento” da Deputación con respecto ás residencias
O portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, advirte do “enésimo incumprimento” do goberno de PSOE e BNG en relación á rede de residencias provinciais.
Ameijide comprobou xunto ao portavoz do PP en Guitiriz, José Manuel López ‘Portolamas’, o “lento avance” das obras de construción desta infraestrutura prometida aos veciños e veciñas de Guitiriz fai moitos anos.
A súa construción foi adxudicada en xaneiro do ano pasado e preto de dous anos despois, continúa aínda en construción polo que esixen “axilidade”.
O portavoz do PP subliña que “o propio goberno provincial recoñece o atraso nas obras toda vez que aprobou no mes de outubro unha prórroga de nove meses para a execución destas obras”. Nese sentido, advirte que “PSOE e BNG volven atrasar a construción da residencia de Guitiriz”.
Neste caso, como mínimo, “ata xullo do 2025”. Os populares lembraron a “nefasta” xestión do PSOE e BNG en materia de residencias á vista de que “incumpren o compromiso cos veciños e veciñas de 10 concellos” onde permanecen pechadas como a comarcal de Becerreá, en construción como a de Guitiriz, A Pontenova ou A Pobra de Brollón, sen iniciar as obras en Folgoso do Courel e Portomarín ou, incluso, sen proxecto como en Cervantes, Ourol, Pantón e O Saviñao.
A residencia de Guitiriz non só sofre continuos atrasos, senón que o edificio cedido polo Concello para a construción da residencia, a coñecida como Casa da Botica, un edificio emblemático, con valor histórico e elementos patrimoniais catalogados situado no centro da localidade; "foi derrubado polo goberno provincial", din.