O PP alerta do deterioro do acceso ao polígono industrial de Vilalba desde Baamonde

O Partido Popular de Vilalba denunciou o "mal estado" no que se atopa o acceso ao polígono industrial desde Baamonde, unha estrada que presenta numerosos socavóns e desperfectos e que, segundo advirten, representa un perigo evidente tanto para os condutores como para os transportistas que a utilizan a diario. Desde o grupo municipal sinalan que non se trata de simples baches, senón de auténticas fochancas que fan que circular por este acceso resulte inseguro e preocupante.
Os populares poñen o foco no que consideran un trato desigual por parte da alcaldesa á hora de reclamar actuacións nas infraestruturas, en función de quen sexa o seu titular. Lembran que recentemente a rexedora criticou publicamente o estado da rotonda de acceso ao polígono industrial, unha infraestrutura dependente da Xunta de Galicia, argumentando que varias farolas estaban fundidas, o que diminuía a visibilidade nun punto próximo ao enlace coa N-634 en dirección a Baamonde.
En cambio, segundo denuncian, o goberno municipal garda silencio ante o deficiente estado do acceso ao polígono industrial desde Baamonde, unha vía que depende do Goberno do Estado e que, ao seu xuízo, presenta unha situación moito máis grave desde o punto de vista da seguridade viaria. Para o PP, esta actitude amosa unha falta de coherencia, xa que consideran que as protestas da alcaldesa non responden ao interese xeral nin á protección dos veciños, senón á titularidade da infraestrutura e á súa confrontación constante coa Xunta de Galicia.
Desde o Grupo Popular de Vilalba esixen á alcaldesa que actúe con responsabilidade institucional e que priorice os intereses do municipio por enriba das cores políticas, reclamando con firmeza ao Goberno central unha intervención inmediata para reparar o acceso ao polígono industrial e garantir unhas condicións seguras e dignas para as empresas, os traballadores e os usuarios da zona.