O PP alerta que dez concellos lucenses quedarán sen servizo da liña estatal de bus
Os senadores do PP lucense José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano mantiveron unha reunión cos alcaldes e portavoces dos concellos lucenses "que o Goberno de España pretende deixar sen servizo de liña de bus estatal que permitía comunicacións con outras comunidades e tamén dentro de Galicia". Os representantes populares na Cámara Alta explicaron que o Grupo Popular logrou aprobar unha iniciativa no Senado -co voto en contra do PSOE e a abstención do BNG- para instar ao Goberno de Sánchez un novo mapa concesional de transporte regular en autobús para “corrixir a discriminación aos pequenos concellos do rural”.
Os populares inciden en que “Sánchez desconecta Galicia e castiga, en particular, á provincia de Lugo” á vista da supresión do servizo en 10 municipios (Baralla, Chantada, O Corgo, Guitiriz, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, A Pontenova e Quiroga) que perden o servizo de forma completa. Os veciños e veciñas destes concellos perden a posibilidade de comunicarse con outras localidades porque non hai a posibilidade de solicitar subirse ou baixarse.
Os senadores, alcaldes e representantes dos municipios afectados coincidiron en sinalar “o prexuízo para os municipios pequenos do rural” que afecta ao transporte de pasaxeiros, estudantes... e tamén de paquetes e, incluso, ao Camiño de Santiago, xa que “varias poboacións polas que pasa algunha das súas rutas queda sen parada”.
O alcalde das Nogais, Jesús Núñez, cre que “non ten sentido que os pequenos concellos afectados non teñamos esa comunicación cando están pasando os autobuses por diante”. E sinala que “os habitantes destes 10 concellos temos o mesmo dereito a coller un autobús nas nosas localidades igual que os doutros lugares”.
SÁNCHEZ, PSOE E BNG EN CONTRA DOS SERVIZOS NO RURAL
Os senadores do PP lucense condenan o voto en contra do PSOE e a abstención do BNG. “Os representantes socialistas dan as costas, unha vez máis, á nosa provincia e, máis concretamente, aos veciños e veciñas que viven nos municipios rurais”. E, ao BNG, “abstívose como quen pasa por alí”.
Barreiro considera que estas actitudes se basean na “hipocrisía” toda vez que “o Goberno de Sánchez di que vai facer todo pola España baleirada, pero o que fan é que cada vez se baleire máis ao quitarlles servizos aos pequenos concellos”. Así, afea a PSOE e BNG que “aquí din unha cousa e en Madrid fan outra co seu voto”. Dende o Partido Popular, pola súa banda, “seguiremos pelexando para que o Goberno de Sánchez acate esa petición que lle fixo o Senado”.
A Xunta de Galicia fai totalmente o contrario: “aprobou no 2019 un novo mapa concesional do transporte autonómico onde aumentan as rutas e facilita o uso do servizo. Os menores de 21 e os maiores de 65 non teñen que abonar nada”, explicou Barreiro.
Núñez tamén incidiu en que “estas políticas son socialistas non sociais porque as políticas sociais responden ás necesidades da xente”. Nese sentido, defendeu que este tipo de servizos públicos en zonas despoboadas non se deben medir por rendibilidade, senón por ofrecer servizo á xente que vive nestes lugares”.
O mapa concesional presentado polo Goberno suprime en Galicia 76 servizos interiores e 1.100 rutas que deixarían de ser directas obrigando aos usuarios a facer transbordos. En toda España, suprime un 47% das rutas, rebaixa un 74% os municipios con parada e merma nun 31% os quilómetros que percorre de media cada vehículo.
Os senadores lembran que “estas novidades son as que recolle o proxecto de Ley de Movilidad Sostenible que está en tramitación no Congreso, paralizada dende o 2022”. O Goberno de España ten que sacar a concurso as novas concesións.