O PP asegura que a dimisión de Elba Veleiro demostra a fraxilidade do bipartito
“Vilalba e os vilalbeses son para o PSOE, Vilalba Aberta e o BNG simples peóns a usar para acadar o seu obxectivo común de evitar que goberne o Partido Popular”. Así o aseguran dende o PP vilalbés en relación á dimisión da alcaldesa socialista “apenas uns meses despois de ter pactado coas forzas da esquerda para formar goberno: é, cando menos, curioso; unha tomadura de pelo aos veciños” e “demostra a fraxilidade do goberno bipartito de Vilalba”.
Os populares subliñan que “Elba Veleiro era a cabeza de lista do PSOE -e como tal se presumía que era unha persoa de peso dentro das filas do PSOE de Vilalba-, pero tamén a máxima representante do noso Concello” polo que lamentan que “Vilalba sexa noticia pola dimisión da rexedora, un feito que pode reflectir discrepancias entre os socios de goberno que xa no anterior mandato romperan o seu pacto”.
Dende o PP trasladan o seu respecto á decisión persoal de Elba Veleiro, pero a nivel político cren que “serviu máis ao PSOE que ao Concello de Vilalba” e inciden nas súas contradicións. Por exemplo, “cre que chega o momento de abandonar, pero recoñece que non cumpriu cos seus obxectivos porque considera que catro anos non son suficientes”. Tamén manifestou tralas eleccións de maio que “dimitir non era o seu estilo, pero poucos meses despois é o que está a facer”.
Precisamente a ese respecto, dende o PP apuntan que “ou mentía daquela cando xa había rumores de que Elba Veleiro renunciaría ou minte agora e si houbo algún motivo que a leva a dimitir neste momento”.
Tamén aprecian contradicións os populares nas declaracións do voceiro de Vilalba Aberta “en función do que lle conveña. Aseguraba tralas eleccións que un pacto para darlle a alcaldía ao PSOE nos levaría ao furado e aínda así aceptou, a pesar de que xa fora apartado do goberno no mandato anterior”.
E, recordando o pleno de setembro do ano pasado no que a alcaldesa decidía converter as mocións en rogos para evitar ter que votar as propostas que trasladaba a oposición, dende o PP explican que “Renda protestaba entón enerxicamente ante o que consideraba un atropelo democrático e un intento de silenciar á oposición, pero agora que está no goberno cala e aproba esta decisión”. Unha decisión que os populares consideran “claramente política porque noutros Concellos si se admiten e se votan, como pasaba coas mocións que presentaba o PSOE, entre outros, en Vilalba cando gobernaba o PP”.