O PP asegura que a poxa dos bens da nave da Deputación de Carral quedará deserta

TerraChaXa
Antonio Ameijide recorda que dende o primeiro momento “pedimos que todo o material se puxera a disposición dos concellos e das asociacións da provincia”
nave-deputacion-begonte
5 Mar 2025

Os deputados do Grupo Provincial Popular explican que a Deputación de Lugo iniciou un proceso de venda de parte dos bens que hai almacenados na nave do polígono de Carral, en Begonte, baixo o sistema de poxa pública, pero “todo apunta a que quedará deserta”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que o propio prego de condicións do proceso de alleamento de bens especifica, na cláusula 14, que “despois da celebración da licitación, cando non fose adxudicado o lote, fora declarada fallida ou deserta a poxa, o órgano competente poderá acordar o seu alleamento mediante adxudicación directa nas mesmas condicións e polo prezo de saída fixado neste prego ou noutro caso poderase acordar a súa destrución”.

“Queda claro que tanto PSOE como BNG xa prevén que a poxa quede deserta e preparan o camiño para adxudicar o lote a dedo”, criticou.

O voceiro popular recorda que “non hai que esquecer que se algo cambiou e se moveu nesta nave de Begonte foi grazas ao traballo e insistencia que tivemos dende o Partido Popular” xa que “foron moitos meses esixindo entrar á nave para coñecer o que alí había almacenado, así como que se limpase o exterior xa que era unha zona moi perigosa, con pozos abertos, e na que se PSOE e BNG montaron un desguace”.

A realidade é que na nave de Begonte hai material de todo tipo alí almacenado, como maquinaria embarcacións, electrodomésticos, material deportivo e polideportivo, material de obra, equipamento de edificios, obras de arte ou material para tallar pedra.

Antonio Ameijide recorda que dende o primeiro momento “pedimos que todo o material se puxera a disposición dos concellos e das asociacións da provincia” para poder colaborar con eles no desenvolvemento das súas actividades diarias, unha colaboración de forma gratuíta “pero agora vemos como a intención real de PSOE e BNG é facer negocio, deixando a un lado a colaboración cos concellos e entidades”.

Esta poxa pública realizarase nun lote único “o que seguramente provocará que non haxa interesados” xa que neste lote incluíuse material de todo tipo. “O máis seguro é que unha persoa á que lle poidan interesar os veleros e os motores das embarcacións, non lle interesará un cortacéspede, un camión, bancos para un polideportivo ou serras para cortar pedra”, explicou.

“Quizais, que PSOE e BNG elixiran esta opción é con coñecemento de causa, xa que se queda deserta logo poderían entregar o lote a dedo a quen eles queiran”, afirmou.

Pero neste lote non se inclúen todos os ben que hai na nave de Begonte. Ante esta situación, Ameijide pregunta directamente: “que van a facer PSOE e BNG con todo o que alí queda, seguir acumulando lixo deixando que podreza ou realizarán outros procedementos a dedo para entregar o material a quen eles decidan”.

⚙ Configurar cookies
0.13605999946594