O PP de Vilalba califica de "despilfarro" o investimentos nas piscinas, que teñen "un impacto visual negativo"
O Partido Popular de Vilalba lamenta “a ineficacia, a falta de xestión e as malas decisións do goberno local socialista” porque “afectan negativamente á prestación de servizos aos veciños”. Nesta ocasión, os populares advirten de que “as obras da construción das piscinas municipais na área recreativa da Madalena prometidas polo goberno socialista se atopan aínda na primeira fase”; o que “fai presaxiar que este será o quinto verán consecutivo no que os vilalbeses non dispoñeremos deste tipo de servizo fluvial; despois de que o goberno do PSOE vilalbés pechara e derrubara o parque acuático”.
A voceira popular e candidata á alcaldía, Sandra Vázquez, lamenta “as desacertadas decisións do goberno vilalbés” e, sobre todo, “o despilfarro do diñeiro público que supón dirixir arredor de 800.000 euros a unha obra que non sabemos cando estará rematada por completo -e que, mentres, supón a perda dun servizo aos veciños e visitantes- e que arrasa por completo con este espazo no que a natureza é a principal protagonista”.
IMPACTO NEGATIVO
Os populares falan de “impacto negativo” tanto a nivel visual coma para a dinamización económica de Vilalba. “A medida que a obra avanza, o impacto visual é de maior notoriedade porque o deseño e as dimensións contrastan co espazo natural no que se ubica”. De feito, consideran que “non é harmonioso co entorno”. Así mesmo, “o peche da parque acuático e a tardanza en contar cunhas instalacións listas para o seu uso na época estival afecta negativamente á imaxe da Vilalba e á súa economía, porque os negocios da vila perden posibles clientes entre aqueles visitantes que chegarán á capital chairega atraídos polas instalacións a carón do río Madalena”.