O PP continúa a denunciar "os numerosos prexuízos" que causan nos vehículos as obras na Pravia

O PP de Vilalba denuncia, unha vez máis, os “numerosos prexuízos” que supuxeron as obras “por capricho socialista” de humanización da rúa da Pravia. “O goberno local de PSOE e Vilalba Aberta leva enterrados xa máis de 1,4 millóns de euros e, a pesar de que dixeron que os arranxos solucionarían os problemas nas beirarrúas, está peor que nunca”.
Os populares esixen solucións “dende a responsabilidade” ante os “danos que o pavimento adoquinado da rúa da Pravia provoca nos baixos dos vehículos que estacionan nesta céntrica rúa de Vilalba”. Así mesmo, explican que “xa temos coñecemento de denuncias efectuados por propietarios de vehículos afectados” polo que insisten en condenar unha decisión “por capricho socialista” de gastar diñeiro público en “facer algo que está xerando problemas e queixas continuas entre vilalbeses e visitantes”.
Os concelleiros do PP lembran as “numerosas caídas na rúa da Pravia debido aos adoquíns soltos”, incluso pouco despois de realizar unha nova obra de reparación durante o pasado ano. Así mesmo, esta rúa acumula nos últimos anos máis variedade de danos coma os provocados pola falta dun sistema adecuado de drenaxe das augas pluviais.
Os populares cren que se trata da “rúa do sen-sentido” despois de que cambiara de sentido en función de quen ostente a responsabilidade de goberno na área de mobilidade, o PSOE ou Vilalba Aberta, que dirixiu outros 11.000 euros neste mandato para volver cambiar de sentido o tráfico rodado nesta céntrica rúa.
O PP vilalbés lembra tamén os prexuízos que ten causado ao comercio da zona e o caos para a mobilidade. E teme que outras obras que está a promover o goberno local no casco urbano teñan “un resultado similar: desastroso”.