O PP critica ao PSOE por ter que aboar unha sanción e polo atraso das obras da Casa da Botica

TerraChaXa
O voceiro popular expón que “os lucenses temos que afrontar esta sanción unicamente porque no goberno provincial pensan que poden facer o que lles dá a gana”
derrumbe-casa-da-botica
30 Jul 2025

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, confirmou que PSOE e BNG veñen de pagar unha multa de case 60.000 euros en relación ás obras que se están executando na Casa da Botica, en Guitiriz, para reconvertela en centro de atención a maiores por non executar os traballos conforme aos permisos concedidos e á lei.

Así o confirmou Antonio Ameijide ao voceiro do PP en Guitiriz, José Manuel Rodríguez, e aos concelleiros populares nese municipio.

Esta contía vén derivada de dúas sancións, unha de 53.000 euros e outra de 6.001 euros, polo derrubamento da Casa da Botica (Guitiriz) en 2021, sancións que foron ratificadas polo xulgado contencioso-administrativo número 1 de Lugo.

Antonio Ameijide afirma que “PSOE e BNG tiveron que facer fronte a estas sancións por facer directamente o que lles deu a gana” xa que na execución das obras na Casa da Botica “incumpriron as directrices marcadas no proxecto presentado e as indicacións realizadas por Patrimonio”.

“José Tomé, o PSOE e o BNG seguen a crer que están por enriba da lei e sempre buscan a forma de sortear a legalidade sen asumir as consecuencias das súas decisións”, criticou.

Ademais, Ameijide lamenta que a residencia de Guitiriz “segue a acumular atrasos, mentres os membros do Partido Socialista seguen a pelexarse entre si”, o que provoca que non se realicen avances na construción deste centro de atención a maiores.

Os feitos sancionados derívanse do incumprimento do deber de conservación e que se orixinan por “executar sen respectar o condicionado establecido no informe respecto das actuacións de emerxencia emitido no seu día pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”.

A sanción é do 11 xaneiro de 2024 “e dende esa data, tanto PSOE como BNG buscaron enredar para non pagar”.

“Seguramente non teríamos que falar do pago destas sancións á Deputación de Lugo se PSOE e BNG cumprisen a tempo o seu compromiso de construír un centro de atención a maiores en Guitiriz, ademais de cumprir a lexislación no referente ao derrubamento da Casa da Botica, espazo que debe de albergar a futura residencia”, sentenciou.

A construción da residencia de Guitiriz foi adxudicada en xaneiro de 2023 e máis de dous anos despois continúa aínda en construción.

Uns atrasos nas obras que se recoñeceron dende o propio goberno provincial que en outubro do ano pasado aprobou unha prórroga de nove meses para a execución destas obras, atrasando a posta en servizo deste centro de atención a maiores, polo menos, ata xullo do 2025.

⚙ Configurar cookies
0.20531296730042