O PP critica o gasto de calefacción nas gradas do campo de fútbol de Pol

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Antonio Ameijide ve “lamentable” que PSOE e BNG “sigan a financiar os antollos” do alcalde
campo-municipal-futbol-pol
3 Jun 2025

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, e a voceira do PP en Pol, Nicole Grueira, condenan que PSOE e BNG “paguen 46.029,70€” ao alcalde de Pol para que puxese calefacción nas gradas do campo de fútbol.

Antonio Ameijide denuncia que “PSOE e BNG deben de medir moito mellor” a que destinan fondos provinciais xa que “ninguén pode entender como se paguen case 50.000€ para poñer calefacción nun campo de fútbol, mentres o alcalde ten máis de 3.5M€ de débeda e nos meses do inverno non houbo calefacción no Concello porque o alcalde non pagaba as facturas do gasoil”.

Ante esta situación, o Grupo Provincial Popular pedirá acceso e copia do expediente ‘Instalación de climatización nas gradas do campo de fútbol e honorarios técnicos’ por un importe total de 46.029,70€ para fiscalizar toda a documentación porque “é un verdadeiro despropósito ver como se pagan facturas de actuacións non urxentes”.

Neste senso, o voceiro provincial popular recorda como “hai poucas semanas xa criticamos esta actuación porque non consideramos ético nin prioritario que José Tomé subvencione dende a Deputación que o alcalde de Pol poña calefacción nas gradas do campo de fútbol mentres o propio alcalde non pagaba as achegas da residencia de maiores”.

Neste senso, Antonio Ameijide recorda como a propia Deputación viuse na obriga de reter 41.876,25€ (dun convenio para actuacións nas gradas do campo de fútbol e polideportivo municipal) tras ver como o Concello de Pol non cumpriu coas súas obrigas na residencia de maiores e debía 157.858,71€.

Alega que a débeda do Concello de Pol coa Deputación de Lugo vén derivada de varios incumprimentos ao non achegar á institución provincial:

  • 55.225,46€ da achega do Concello de Pol ao convenio de xestión compartida do centro de maiores do municipio, anualidade 2022
  • 73.274,54€ da achega do Concello de Pol ao convenio de xestión compartida do centro de maiores do municipio, anualidade 2023
  • 29.358,71€ da achega do Concello de Pol á construción do centro de maiores do municipio

“Unha débeda que tamén comprobaremos se xa está saldada porque senón quedará claro que a actuación de PSOE e BNG retendo esa partida non foi máis que unha pantomima”, sentenciou.

Pola súa banda, a voceira popular en Pol, Nicole Grueira, pide “sentido” ao alcalde e a PSOE e BNG na Deputación de Lugo porque “os fondos son necesarios para dar resposta a moitas necesidades básicas existentes en Pol, en lugar de seguir despilfarrando no campo de fútbol”.

Nicole Grueira amosouse moi crítica coas decisións que está a tomar o alcalde nos últimos meses. “Non se pode permitir que o alcalde gaste miles de euros en mercar edificios que logo se abandonan e caen ou en seguir derrochando cartos sen control en todo tipo de ocorrencias mentres as pistas e camiños municipais están sen arranxar, non se pagan as achegas da residencia da terceira idade ou os servizos básicos que necesitan todos os veciños non están cubertos”, lamentou.

⚙ Configurar cookies
0.082467079162598