O PP da Pastoriza afea ao Goberno local que non solicitase unha axuda para ter unha pista multideporte

TerraChaXa
O PP da Pastoriza lamenta que o goberno “deixara escapar a oportunidade” de solicitar á Xunta unha axuda para unha nova pista multideporte.
pista multideporte colexios
29 Xul 2022

O PP da Pastoriza lamenta que o goberno local bipartito PSOE-BNG “deixara escapar a oportunidade” de solicitar á Xunta unha axuda para mellorar ou dotar dunha nova pista multideporte a algún dos colexios do municipio.

Os populares explican que “os concellos galegos dispoñían ata o 27 de xuño para solicitar esta subvención que, no caso daqueles con menos de 5.000 habitantes como é o caso da Pastoriza, suporía o 85% da contía do proxecto ata un máximo de 85.000 euros. Pero o goberno local non o fixo. Están a outra cousa”, engaden.

O PP local cre que “a falta de diálogo entre as dúas partes do goberno municipal da Pastoriza supón prexuízos para os veciños e veciñas que vemos como, neste caso, se perde a oportunidade de contar cunha nova infraestrutura lúdico-deportiva”.

Os populares lembran que “a Xunta financiará a construción de novas pistas multideporte en 12 municipios da provincia gobernados por distintos partidos políticos”. Nese sentido, consideran que “o goberno local debería ter máis vontade de traballo conxunto para velar polos intereses dos veciños e veciñas”.

Deporte e vida saudable

“Non podemos entender que o goberno da Pastoriza non estea interesado en que o Concello dispoña dun espazo polifuncional que permita a práctica de, polo menos, cinco deportes de forma que se promova a vida saudable entre o alumnado; pero tamén entre a poboación en xeral”. Porque, segundo lembran “existe un acordo entre a Fegamp e a Consellería de Educación que regula a apertura das instalacións deportivas para o seu uso por parte da cidadanía fóra do horario escolar”.

Tampouco solicitaron brigada contra incendios

A mediados do mes pasado, os populares tamén amosaban a súa desconformidade con que o goberno local non solicitara este ano ante a Xunta a axuda para contratar a unha brigada municipal de prevención e loita contra incendios forestais. “Xa van dous veráns nos que A Pastoriza non conta con brigada porque non a solicitaron”, explican. “É outra mostra máis do abandono por parte do goberno do PSOE e do BNG”, conclúen.

0.07892894744873