O PP da Pastoriza comprométese a crear un centro de día e xestionar directamente o SAF

TerraChaXa
O PP da Pastoriza comprométese a crear dende o goberno local un centro de día municipal e xestionar directamente o SAF
reunion pp pastoriza fabiola centro de dia
16 Maio 2023

O candidato á alcaldía, Darío Cabaneiro, trasladou a súa proposta a Fabiola García e Javier Vázquez Nodal durante unha reunión con delegadas sindicais do SAF.

O Partido Popular da Pastoriza, sensibilizado con “ofrecer aos maiores no seu propio concello a atención que merecen”, defende a creación dun centro de día municipal e da xestión directa por parte do Concello do Servizo de Axuda no Fogar que, na actualidade, está externalizado. O candidato á alcaldía, Darío Cabaneiro, trasladou a súa proposta á responsable de Política Social do Goberno galego, Fabiola García, durante unha reunión delegadas sindicais do SAF á que tamén asistiu o secretario xeral do PP lucense e responsable provincial de Política Social, Javier Vázquez Nodal.

O alcaldable popular comprometeuse, no caso de ter o apoio dos veciños e veciñas o vindeiro 28 de maio, a “facer as xestións necesarias para dotar á Pastoriza desta infraestrutura” onde ofrecer atención diúrna especializada ás persoas que o precisen co obxectivo de fomentar a súa autonomía da man do desenvolvemento de actividades e diversas terapias. Isto permitiría “facilitar ás súas familias a conciliación da súa vida laboral coa atención aos seus maiores, sen que teñan que desprazarse a outros concellos limítrofes”.

Así mesmo, recoñecendo o labor das traballadoras do SAF e a súa vinculación cos usuarios aos que prestan atención a diario, Cabaneiro trasladoulles a súa intención de “estudar a forma para que esas mesmas traballadoras os atendan tamén no centro de día”.

Os populares tamén cren necesario reducir a lista de agarda daquelas persoas que solicitan atención e polo tanto comprométense a solicitar á Xunta máis horas de atención nos domicilios; xa que “o goberno local ten na actualidade un total de 29 persoas esperando polo servizo, a pesar de que os seus expedientes xa foron avaliados pola Xunta”. Por outra banda, lembraron que “a Xunta achegou o ano pasado ao Concello, para sufragar o SAF, máis de 406.000 euros”.

GOBERNO UNIDO PARA ATENDER A TÓDOLOS PASTORICENSES
O PP está a traballar para ofrecer á Pastoriza un goberno unido e solvente con capacidade para xestionar as necesidades actuais dos pastoricenses e garantir igualdade de trato a tódolos veciños e veciñas do municipio. Ademais de apostar por “mellorar os servizos nas distintas parroquias contribuíndo ao desenvolvemento do sector gandeiro que é moi importante no noso concello, temos moi presente as necesidades relacionadas coa atención á xente da Pastoriza”.

0.1674211025238