O PP da Pastoriza critica a falta de operarios municipais
O PP de A Pastoriza pon de manifesto a "problemática que hai no concello ante a falta de operarios municipais" e critica a xestión do goberno nesta materia así como no abandono da maquinaria coa que traballan os profesionais. Neste eido, a xubilación os dous funcionarios de persoal laboral que se encargaban das labores de mantemento e acondicionamento das vías supuxo unha deficiencia dos servizos municipais e unha eficacia mínima. Os populares afirman que o goberno local comezará coas contratacións de persoal en datas preto das eleccións municipais, sendo unha vez máis unha medida de carácter electoralista, pois ata o momento, ante a falta dunha planificación seria e con rigor o Concello non dispón de suficientes operarios.
Ademais, advirten de que o acondicionamento e mellora das pistas municipais están a facerse con gravilla, como é o caso da estrada que vai de Corbelle a Muimenta e que no seu momento estivo aglomerada. Neste sentido, os populares levan tempo reclamando un plan serio con actuacións de mellora e conservación continuado no tempo para evitar que os veciños transiten a diario por estradas que cheguen a lamentables condicións “como se atopan agora boa parte das vías”
Por outra banda, o PP de A Pastoriza critica a dobre moral da concelleira, Elba Carrera, xa que no seu momento atacou as iniciativas do PP para acondicionar e mellorar as vías e estradas municipais ao segundo ela, alquitranar polas casas. “E agora precisamente é o que están a facer no municipio, alquitranar por diante de todas as casas. Sen dúbida, todas as súas medidas son electoralistas", din desde o grupo popular.