O PP da Pastoriza esixe a mellora da estrada de Currás

TerraChaXa
24 Feb 2020

Os populares da Pastoriza esixen a mellora da estrada municipal que enlaza coa LU-122 e a LU-125 ao seu paso polos Currás, en Bretoña. Deste xeito, dende o Grupo Municipal do PP súmanse á reivindicación dos veciños e veciñas que piden a mellora desta vía que se atopa en “total estado de abandono como se pode apreciar en varios puntos onde está desfeita a causa da acción da auga que discorre por ela; xa que as cunetas non están limpas e non pode discorrer por elas”.

Os concelleiros do PP manifestan que “o goberno local é coñecedor desta situación porque en numerosas ocasións os veciños e veciñas lles achegaron as súas queixas ante as dificultades que sofren a diario para poder entrar nas súas propiedades e, incluso, para acceder ás súas propias vivendas”.

O voceiro dos populares, José Bouso, sinala que “esta estrada leva directamente a vivendas particulares e, en época de choiva faise case impracticable e, polo tanto, é case imposible circular por esta vía. Incluso os veciños e veciñas teñen que utilizar outras estradas como alternativa”.

Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Popular sitúase do lado dos veciños e veciñas de Bretoña e, polo tanto, pídenlle ao goberno local PSOE-BNG que, dentro das competencias que lle corresponden, “tome medidas canto antes para solucionar esta situación que crea molestias e malestar entre os usuarios e usuarias”.

De feito, Bouso salienta que “esta mesma situación se vive na maior parte das estradas de titularidade local do termo municipal pastoricense” porque “as cunetas non se limpan e a auga que invade as estradas acaba por danalas. É lamentable que as vías de comunicación do noso municipio presenten este estado de abandono, mentres que o goberno bipartito continúa mirando para outro lado sen dar solución a un dos principais servizos públicos que demandan os nosos veciños e veciñas”, asegura o popular.

0.12459301948547