O PP da Pastoriza presenta unha lista totalmente renovada
O PP concorre na Pastoriza ás eleccións locais que se celebrarán o próximo 28 de maio cunha lista tan renovada que nela só figuran dous membros da anterior. A presentación da candidatura que encabeza, Darío Cabaneiro, como candidato á Alcaldía, levouse a cabo, en dous escenarios, por un lado, na Casa da Cultura, e, por outro, cunha visita á SAT Os Penedos coa participación do responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González, e o coordinador do PP lucense e deputado autonómico, José Manuel Balseiro.
O candidato á Alcaldía, Darío Cabaneiro, e o número dous da lista, Marcos García Lombardero -presidente da xunta xestora do PP da Pastoriza- explicaron que a lista popular é “moi renovada e moi representativa, tanto no que se refire ás parroquias como ao abano social”. É, indican, ·unha candidatura con moita xente nova, con moito empuxe; pero tamén con persoas con veteranía, que aportan a experiencia”. Como mostra do valor que dan á experiencia, no último lugar da lista figura o ex alcalde José Yáñez. É moi significativo tamén o feito de que o candidato á alcaldía é fillo do alcalde Cabaneiro, que levou a cabo a concentración parcelaria nos anos 60.
A Pastoriza necesita cambio, di Cabaneiro, “e este é o momento do cambio”. En canto á campaña, destaca que, polo que respecta ao PP, será “unha campaña totalmente limpa”.
O conselleiro de Medio Rural lembrou que aínda que o PP gañou as eleccións xerais en España gobernan as esquerdas "a través do desgoberno e a indecisión, tándem perigoso que nos trouxo, como era previsto, ao contexto que hoxe, desafortunadamente, estamos a vivir”. Avisou de que " temos que ter claro que todos os galegos e as galegas poden identificarse no proxecto do PP de Galicia, porque somos un partido que sabe defender Galicia dentro de España". Defendemos -dixo José González- "a nosa forma de ser, de vivir, de falar no idioma que queiramos e cando queiramos, defendemos as nosas tradicións e a nosa cultura". Destacou: "Somos un partido moderado e de centro, xa que no centro é onde está a maioría dos galegos. E tamén queremos poñer á Pastoriza nese centro".
Lembrou que o panorama político está fraccionado e, precisamente, "esta fracción é responsable de que partidos nun mesmo goberno xeren máis e máis fricción: fricción entre eles, fricción na sociedade, etcétera, ante a cal o único partido que pode ofrecer garantía na xestión é o Partido Popular". A experiencia -engadiu- "de, nada máis nin nada menos, que 14 anos xestionando un Goberno autonómico, é o selo distintivo do Partido Popular, dentro e fóra de Galicia”.
Diante dos riscos que implica a división do voto, José González sinalou: "Puido haber un momento, hai catro anos, no que alguén, remotamente, dubidase. Pero xa non; xa non quedan dúbidas porque estes partidos afanáronse a demostrar, nestes anos, que non saben xestionar". En Galicia, "hoxe somos exemplo de rigor e estabilidade; isto tamén pode ser así dentro doutros catro anos na Pastoriza, pero só pode ser da man de Darío Cabaneiro, candidato á alcaldía polo Partido Popular". Rematou pedindo: "Poñamos no centro á Pastoriza elixindo a Darío, elixindo a boa xestión, elixindo o cambio para medrar, elixindo ao Partido Popular”.
Dende a dirección provincial do PP, o coordinador xeral, José Manuel Balseiro, sinalou: “O que necesita A Pastoriza é estabilidade política e institucional e iso pasa pola maioría absoluta do PP”. Lembrou que “na Pastoriza gobernaron estes anos os perdedores e foi un goberno que destacou polos desencontros entre o PSOE e o BNG”.
OS CANDIDATOS
- Darío Cabaneiro Santomé
- Marcos García Lombardero
- Josefa Méndez Pena
- Jesús Obarrio Pérez
- Adrián Cendán Rodríguez
- Pablo Bouso Souto
- José Luis Iglesias Paz
- Mónica García Mon
- María del Carmen Lombardía Cando
- Diego López Rodríguez
- Eva Gacio Arias
Suplentes:
- María Seco Reigosa
- Iván Hoz Pérez
- Marcos García Jartín
- Nilo Felipe Fernández
- José María Rigueiro Otero
- David Gómez Prieto
- Mario López Iglesias
- José Yáñez García