O PP da Pastoriza reclama a reanudación das obras da estrada provincial LU-P 4401

TerraChaXa
O goberno da Deputación, presidido polo socialista José Tomé, consigue que as estradas provinciais sexan noticia continuamente polo pésimo estado na que se atopan a maioría.
12 Xan 2023

O goberno da Deputación, presidido polo socialista José Tomé, consigue que as estradas provinciais sexan noticia continuamente polo pésimo estado na que se atopan a maioría. Pero a xestión de Tomé, responsable directo das estradas, é tan deficiente que incluso logra que as melloras na rede viaria da Deputación acaben por provocar problemas aos veciños. Iso é o que ocorre na Pastoriza, onde as obras na LU-P-4401 están paradas porque o proxecto non incluía a rede de saneamento. Mentres se solventan os problemas técnico-administrativos, os veciños sofren as molestias propias das obras abertas e paradas, segundo sinalan os populares da Pastoriza.

No PP lembran que os traballos levan parados dende finais de decembro, cando, por un motivo ou por outro, a Deputación tivo que poñer mans á obra para incluír no proxecto o saneamento. Os populares esixen ao goberno provincial que faga os cambios necesarios coa maior rapidez posible, porque os veciños sofren as consecuencias da paralización dos traballos. As molestias alcanzan tanto aos peóns como aos usuarios de vehículos.

Os populares destacan que as melloras nesta estrada tiñan que estar rematadas a finais de febreiro e indican que, coa paralización, vai ser moi difícil que se cumpran os prazos iniciais. En todo caso, lamentan a falta de previsión da Deputación á hora de encargar o proxecto técnico e instan a José Tomé, como máximo responsable das estradas provinciais, a que tome nota e non se repita o mesmo problema en próximas ocasións.

0.19150400161743