O PP da Pastoriza reclama que se cumpra o réxime dos plenos e o amaño dun camiño
"O goberno local de A Pastoriza fai unha interpretación máis que relativa da obriga do cumprimento das decisións que adopta o pleno da corporación municipal. É así xa dende as primeiras decisións tomadas polo pleno; unha delas é a determinación do réxime de sesións plenarias, que incumpre con frecuencia, segundo denuncian os populares", di o PP da Pastoriza.
"O incumprimento na convocatoria das sesións plenarias en función do réxime establecido ao principio do mandato é unha maneira de perturbar o traballo da oposición. Os populares ven como algunhas das súas propostas son executadas, postas en vías de execución ou anunciada a intención de executalas unha vez rexistradas e antes da celebración da correspondente sesión plenaria". Para o PP, esta maneira de proceder "é un xeito infame de entender o xogo político".
O Partido Popular de A Pastoriza insta ao goberno local, presidido polo socialista Primitivo Iglesias, a convocar as sesións plenarias ordinarias da corporación conforme ao acordado ao inicio do mandato, é dicir, os terceiros xoves dos meses impares.
Camiño a reparar
Por outro lado, o PP de A Pastoriza defenderá unha iniciativa na próxima sesión plenaria para que o Concello repare un camiño de Reigosa. Indican que esta vía atópase en mal estado e, cando chove, a auga arrastra a grava, que acaba na estrada xeral e tupe os sumidoiros.