O PP da Pastoriza reclama solucións para a estrada de Reigosa a Gontán
Cada día que pasa, a maioría das estradas que dependen da Deputación están máis deterioradas e resultan máis incómodas e perigosas para os seus usuarios. O grupo provincial popular vén facendo un seguimento moi detallado do estado das estradas e dando visibilidade ao malestar dos veciños máis directamente afectados. O portavoz popular, Javier Castiñeira, destaca que seguen “recibindo queixas dos veciños da provincia polo pésimo estado das estradas provinciais”. Engade: “Hoxe comprobamos a veracidade das queixas expostas nas redes sociais polo mal estado de estradas no concello de A Pastoriza, entre outras causas, polo grave deterioro da LU-P 0103, de Reigosa a Gontán; os veciños quéixanse polo deterioro desta vía que, comunica os concellos de A Pastoriza e Abadín, pasando por núcleos importantes”.
O portavoz popular explica: “Estivemos cos veciños, en concreto de Vián, que é un dos núcleos polos que pasa esta vía, que están cansos de sufrir as incomodidades e os danos nos vehículos por culpa das moitos e grandes fochancas que ten esta calzada. Incluso lamentan que a Deputación de Lugo improvise solucións para lavarse as mans en caso de posibles danos, poñendo sinais para avisar do mal estado da calzada. Isto incluso é rirse dos veciños”.
Os populares considera que “a solución pasa por renovar o firme, con urxencia, porque esta estrada leva moitos anos sen arranxar”. Engaden: “Non entendemos como o alcalde de A Pastoriza permite ter neste estado a estrada ao seu compañeiro de partido, o responsable de Vías e Obra da Deputación, o señor Tomé”.
Castiñeira fai unha suxestión ao socialista José Tomé: “Dicímoslle a Tomé que recorra as estradas, que baixe á rúa, que tome algún café no rural e que non vaia só cando fai obras; cando hai un problema hai que dar a cara, como está facendo o PP, que está recorrendo a provincia, co que está obrigando a Tomé a ir arranxando algunhas estradas, como en Sober, Pantón, Barreiros e outras. Non é suficiente, non son todas as que nós demandamos; o goberno vai por detrás do PP”.
Os populares piden “á Deputación que trate de arranxar canto antes esta estrada e así o solicitaremos nun rogo no próximo pleno”.