O PP da provincia de Lugo iniciou o proceso para participar no Congreso Nacional de xullo

O Partido Popular da provincia de Lugo reuniu este martes á súa xunta directiva para informar de primeira man sobre o procedemento formal do seu XXI Congreso Nacional Extraordinario que se celebrará en Madrid do 4 ao 6 de xullo deste ano 2025.
A presidenta, Elena Candia, animou aos afiliados lucenses a participar neste procedemento para elixir ao próximo presidente do Partido Popular que ten como principal obxectivo “ofrecer a única alternativa real ao sanchismo”.
A dirixente provincial asegurou que “á vista de como funcionaba internamente o Goberno de Sánchez, España precisa agora máis ca nunca unha alternativa coa que recuperar a credibilidade das institucións, os valores e a palabra e a igualdade entre os españois. Como sempre dicimos dende Galicia e dende Lugo: non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco menos”.
O Partido Popular está a “activar e preparar” a formación, “a única alternativa para tomar o relevo de Pedro Sánchez nas urnas”.
Segundo recolle o regulamento do XXI Congreso Nacional Extraordinario do Partido Popular, os interesados en presentar como candidatos á Presidencia deben presentar a precandidatura ata o mércores 28 ás 20.00 horas cun mínimo de 100 avais. Os candidatos que cumpran os requisitos serán proclamados pola Comisión Organizadora o xoves 29 de maio.
Os afiliados interesados en participar poden inscribirse en todo o proceso electoral ata o martes 3 de xuño ás 14.00 horas. Así mesmo, poderá presentarse como compromisario ata o martes 10 de xuño ás 14.00 horas.
As asembleas para elixir aos candidatos á Presidencia do partido e para a elección de compromisarios celebraranse o 16 de xuño de 2025 de 09.00 a 20.00 horas.
O número total de compromisarios da provincia de Lugo será de 53.