O PP da provincia fai balance das iniciativas presentadas no Parlamento galego

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Elena Candia cifrou en 272 as presentadas en áreas de especial relevancia
deputados-autonomicos-pp-lugo
Deputados autonómicos do PP de Lugo
2 Aug 2024

Os deputados lucenses no Parlamento de Galicia fan balance deste período de sesións poñendo en valor “un traballo constante co que damos traslado á cámara galega de propostas demandadas polos lucenses e nos interesamos polos distintos asuntos que afectan á provincia. Hoxe damos conta dese traballo nun exercicio de transparencia e respecto aos lucenses que nos elixiron de forma maioritaria para representalos no Parlamento de Galicia”, explicou a presidenta provincial do PP e deputada autonómica, Elena Candia.

A pesar de ser un período de sesións curto, foron un total de 272 iniciativas entre Proposicións Non de Lei en Pleno ou en Comisión, preguntas e solicitudes de documentación en diversos ámbitos coma o medio rural e o mar (sectores importantes para a provincia), reivindicacións no ámbito do emprego, a enerxía e a industria e propostas en materias de Política Social e Sanidade.

Neste ámbito, o Grupo Popular traballa con responsabilidade e insiste en “buscar solucións á falta de médicos que, a pesar de afectar a toda España, non conta con esa sensibilidade por parte do Goberno”. Os populares lograron aprobar no Parlamento de Galicia iniciativas para demandar ao Goberno de Pedro Sánchez que permita ás comunidades autónomas formar e contratar máis médicos; que no CIS de Lugo se poidan formar médicos MIR ou unha lei de medidas urxentes para a incorporación de médicos a postas de difícil cobertura en centros de saúde e hospitais comarcais mediante concurso. “Pero PSOE e BNG votaron en contra: só lles interesa a Sanidade para facer oposición”, subliñaron.

Os deputados lucenses tamén están a facer seguimento dos investimentos da Xunta de Galicia para a mellora de infraestruturas e servizos: o CIS da Residencia (que supuxo un investimento de máis de 16,5 millóns de euros), a reforma dos centros de saúde de Meira, A Milagrosa, o PAC de Outeiro de Rei e a construción de novas centros en Pantón, Becerreá e no Sagrado Corazón; ademais de adquirir material para o centro de saúde da Fonsagrada, a Unidade de Ictus en Lugo e o Hospital da Mariña.

En materia de Política Social os deputados lucenses interesáronse, entre outros temas, polas novas prazas públicas en centros de maiores, os programas Xantar na Casa ou Respiro familiar e a “falta de cumprimento por parte do Goberno do Estado polo financiamento do 50% que lle corresponde pola Lei de dependencia”.

En relación ao medio rural os lucenses lideran iniciativas para a posta en valor da terra (aldeas modelo, polígonos agroforestais ou concentracións parcelarias), a prevención e loita contra os incendios forestais e a recuperación de zonas afectadas polo lume, a modificación do Real Decreto que regula as explotacións avícolas de autoconsumo ou o novo servizo de matadoiro móbil.

Tamén se preocupan polo outro sector primario destacado na provincia a través da transformación da cadea mar-industria e do impulso da actividade marítimo-pesqueira. Así coma da evolución da “comprometida situación de Alcoa ante a pasividade do Goberno por ofrecer un marco enerxético competitivo que garanta a actividade” e de proxectos industriais coma o de Altri e Endesa-As Pontes.

Os deputados populares están moi pendentes da “discriminación” do Goberno de Pedro Sánchez á provincia e teñen proposto “acordos en materia de infraestruturas do Estado adoptados algúns deles por unanimidade que, en moitos casos, o PSOE non cumpriu e o BNG non esixiu que cumpran”: a reivindicación para a chegada da alta velocidade a Lugo, a reconstrución simultánea dos viadutos do Castro, a aceleración dos tramos pendentes da A-54 (Lugo-Santiago) ou a reparación integral das autovías. Os populares teñen advertido do abandono por parte do Ministerio das estradas nacionais (como a N-634, a N-120...) que agora queren corrixir con bacheos puntuais e non renovacións integrais do firme”.

LUGO CIDADE

Os representantes lucenses na Cámara galega interésanse pola construción de vivenda pública na cidade de Lugo, a declaración de Ámbito de Rexeneración e Renovación Urbana para a zona de Agro do Rolo, na Milagrosa, ou a planta de xestión de residuos orgánicos e biometanización.

Así mesmo preguntan pola remodelación prevista para o Anxo Carro, os novos servizos do CIS ou a renovación do centro de saúde da Milagrosa e lograron aprobar unha iniciativa para pedir ao Goberno central impulsar as obras nos tramos pendentes para rematar a A-54.

PROTAGONISMO DOS DEPUTADOS LUCENSES

Os deputados lucenses no Parlamento de Galicia cobran protagonismo con responsabilidades en áreas de interese para a provincia como a da presidenta provincial e vicepresidenta do Parlamento, Elena Candia; ou as portavocías de Cristina Sanz (viceportavoz do Grupo Popular e portavoz de Facenda e do Consello de Contas), José Manuel Mato (Medio Rural), Raquel Arias (Política Social), Enrique Barreiro (Gandería), Encarna Amigo (Sanidade), Nicole Grueira (Xuventude) e Katy Varela (Exteriores e Cooperación).

0.083498954772949