O PP de Burela denuncia irregularidades no referente ás contas do Concello
O PP de Burela vén de denunciar ante o Consello de Contas de Galicia as graves irregularidades detectadas no informe emitido pola intervención municipal no referente ás contas do Concello do ano 2019.
Tendo en conta a lexislación vixente, esta formación política expón para mellor coñecemento do órgano galego, a relación de feitos mencionados no expediente levado a pleno o pasado 20 de outubro de 2020 para a aprobación da conta xeral da entidade local do pasado exercicio.
Visto que o artigo 23 da Lei 6/1985, de 24 de xuño, do Consello de Contas, establece que todas as entidades e persoas ás que se refire o artigo 2 da mencionada Lei, colaboran co propio Consello de Contas, o Grupo popular fai uso de dita facultade, contemplada na lexislación vixente para denunciar as gravísimas irregularidades relatadas no informe adxunto.
E todo isto máxime cando o PP forma parte da corporación, entidade local suxeita dentro do ámbito de actuación detallado no artigo 2 da mencionada Lei.
O informe de intervención número 2020-0422, de 17 de xuño de 2020, ao que tivo acceso o Grupo Municipal Popular, é “demoledor”, poñendo este en coñecemento, aos efectos oportunos, a gravidade dos feitos mencionados no devandito informe para que o Consello de Contas de Galicia actúe segundo considere oportuno.
Dende o PP lembran parte deste informe no que se fai mención, entre outros, “ao posible fraccionamento de gastos para que pasen por contratos menores, situación irregular na contratación de persoal do propio Concello e na facturación da escola de música, ausencia total de control nas facturas dos actos culturais, etc... e todo isto non só coa total permisividade de Llano e do seu equipo de goberno, se non co máis absoluto silencio ao respecto do Bng”.