O PP de Burela traslada a Portos de Galicia diversas actuacións necesarias no municipio
O candidato á alcaldía de Burela polo PP, Manuel Rouco, reuniuse este xoves co presidente de Portos, José Juan Durán Hermida, para trasladarlle parte das inquedanzas que o sector marítimo-pesqueiro de Burela lle manifestou nestes últimos tempos. O popular sinala que "esta é unha mostra máis da implicación que ten o PP de Burela cos diferentes sectores da nosa vila. Neste caso, o marítimo-pesqueiro".
Entre os diversos asuntos plantexados atópase a limpeza do fondo na zona de atraque, que se vai a levar a cabo de inmediato, ou o custo da instalación de empresas no polígono dependente de Portos de Galicia ubicado na zona do Berbés. Neste caso, segundo manifestou o alcaldable popular, “o presidente de Portos estaría disposto a analizar un convenio específico unha vez se definira o tipo de empresas que estarían interesadas en instalarse neste lugar”.
Rouco tamén abordou na xuntanza co responsable de Portos “a revisión dalgún dos viarios situados na zona do porto, que agora mesmo presentan diversas fochancas; así como a posibilidade da instalación dalgúns norais intermedios para garantir o amarre de barcos de diverso tamaño nalgunha das zonas destinadas a tal fin”.
O candidato popular á alcaldía aproveitou a reunión con Juan José Durán para poñer enriba da mesa “a posibilidade de facer un futuro dragado no porto que aumente o calado polo menos en medio metro, xa que agora mesmo nas mareas vivas algúns dos buques teñen serios problemas para manobrar”.
Igualmente, sobre o arranxo da carpintería e da fachada dun dos edificios do porto no que está ubicada unha coñecida asociación de xubilados do mundo do mar, Durán Hermida trasladoulles aos populares de Burela que “xa está prevista dotación orzamentaria para tal fin”.