O PP de Foz afirma que os socialistas focenses deben ao Concello máis de 4.000 euros de gastos da súa sede

TerraChaXa | AMariñaXa
O Partido Popular de Foz desvela que os socialistas focenses deben ao Concello 4.
22 Abr 2019

O Partido Popular de Foz desvela que os socialistas focenses deben ao Concello 4.719 euros de auga, lixo e saneamento do local no que está a sede do PSOE.

“Desde o PP de Foz solicitámoslle ao Partido Socialista de Foz que aclare as débedas de auga, lixo e saneamento co Concello de Foz e coa propia empresa concesionaria. Chegou aos nosos oídos que o local que rexenta o Partido Socialista desde o ano 1999 non está dado de alta a nome do Partido Socialista nin de outra persoa relacionada ou responsable deste partido; e, o que é peor, acumula unha débeda de 4.719 euros, o que ademais está prexudicando ao anterior inquilino, cando xa pasaron máis de vinte anos desde que deixou dito local”, explicou o secretario xeral dos populares focenses, Juan Rivas Nécega.

O Partido Popular pregúntalle ao PSOE de Foz se “é certo que en vinte anos non regularizou o contrato? e como pretendía cumprir coa súa obriga de pagar os servizos de auga, lixo e saneamento, como facemos todos os focenses? Cremos que este feito é unha proba máis da falta de decoro e abuso do Partido Socialista local nestes últimos anos, pois se na súa propia casa non cumpren cos veciños de Foz están totalmente desautorizados para xestionar ningún só euro dos servizos públicos do noso Concello”.

Os populares de Foz recoméndanlle ao Partido Socialista que “pague íntegros os case 4.800 euros que lle debe ao Concello e que pida perdón publicamente a todos os veciños, e en especial ao principal afectado. En días pasados saíron á palestra o señor Rivera, o señor Linares, o señor Candia, xunto co candidato, o señor Cajoto, desmentindo as acusacións de mala xestión económica porque o Concello aínda segue pagando máis de 150.000 euros ao ano polas antigas licencias de obra concedidas polo Partido Socialista. Preguntámoslles se estes catro dirixentes do Partido Socialista de Foz seguen pensando o mesmo e se son capaces de aclarar deste xeito as débedas que ten o seu partido co propio Concello. Como poden esixir aos veciños se son eles mesmos os primeiros en non cumprir. Esperamos que aclaren dita situación e a regularicen o antes posible”.

0.18330407142639