O PP de Galicia fai unha homenaxe a Fraga coa colocación dun busto no Pazo do Hórreo

TerraChaXa
Os populares propuxeron para o Pleno do Parlamento a lectura dunha declaración institucional para condenar os ataques
homenaxe-busto-fraga
25 Feb 2026

O Partido Popular de Galicia homenaxeou hoxe a Manuel Fraga, presidente da Comunidade durante máis de 15 anos e un dos "pais da Constitución", coa colocación dun busto nas dependencias do seu Grupo Parlamentario, no Pazo do Hórreo.

O PPdeG quixo ter este xesto despois do debate suscitado nos últimos días, unha vez máis polos grupos da esquerda radical, cun ataque ao busto de Fraga localizado na súa vila natal, en Vilalba; e coa petición de retirada do que está colocado no Senado de España, unha solicitude xa denegada pola Mesa da Cámara Alta.

Así, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o portavoz de Grupo Parlamentario, Alberto Pazos; a viceportavoz segunda e deputada por Lugo, Cristina Sanz; e a presidenta do PP de Vilalba e da Fundación Manuel Fraga, Sandra Vázquez, descubriron a imaxe do ex presidente da Xunta, seguido dun aplauso.

Os populares propuxeron para o Pleno do Parlamento a lectura dunha declaración institucional para condenar os ataques a Fraga, pero polo momento, a poucas horas de que remate, só recibiu a resposta positiva de Democracia Ourensana. De feito, o BNG negouse sequera a negociar o texto.

Desde o PPdeG reiteran o orgullo pola súa figura e o seu legado, e subliñan que Galicia é unha Comunidade tranquila, recoñecida pola súa estabilidade e que non pode tolerar accións que só pretenden alterar a orde democrática.

0.11737990379333