O PP de Guitiriz anunciou que votará en contra da modificación dos orzamentos

TerraChaXa
Asegura que a alcaldesa pretende suprimir dous postos de peón para contratar un asesor de Alcaldía
PP-Guitiriz
18 Feb 2025

Os concelleiros do PP de Guitiriz anunciaron que no pleno extraordinario de hoxe votarán en contra da modificación do orzamento que propón a alcaldesa xa que “baixo ningún concepto imos apoiar restar servizos aos veciños para que a alcaldesa teña un novo traballador ao seu servizo”.

O voceiro popular, José Manuel López Rodríguez, explica que a convocatoria do pleno extraordinario para mañá obedece “única e exclusivamente a que Marisol Morandeira quere eliminar dous postos de traballo de peóns de servizos múltiples para o acondicionamento do día a día do Concello de Guitiriz e crear un posto de asesor para a Alcaldía”.

“Insistimos e dirémolo as veces que sexa preciso, pero nunca apoiaremos restar servizos aos veciños para que a alcaldesa teña máis medios a para difusión da súa imaxe”, asegurou.

A realidade é que os dous postos de peón que pretende suprimir a alcaldesa poden realizar traballos de poda, rozas, condución da motobomba en casos de emerxencia ou mantemento dos edificios municipais, entre outras funcións “polo que nunca apoiaremos a eliminación destes servizos”.

José Manuel López Rodríguez afirma que “as posibles xustificacións ou escusas da rexedora non valen de nada xa que ten a súa disposición aos técnicos e administrativos municipais para calquera tipo de asunto referente ao Concello de Guitiriz, ademais dos asesores políticos que ten á súa disposición a través da súa formación política e da Deputación como deputada provincial con dedicación exclusiva”.

O voceiro popular en Guitiriz explica que “se Marisol Morandeira necesita un asesor de imaxe, político ou alguén que lle escriba os seus discursos ten que pagalo ela mesma, non pode ter á súa disposición a alguén á conta de suprimir servizos aos veciños”.

José Manuel López recorda tamén que “mentres a alcaldesa quere suprimir estes postos de traballo a conta de contratar a unha persoa para a difusión da súa imaxe, hoxe mesmo, e moitos outros días, vemos como se contrata a empresas externas ao Concello para realizar traballos, como o mantemento das zonas verdes municipais, que se poderían desenvolver a través dos postos que quere suprimir Marisol Morandeira”.

0.12381505966187