O PP de Guitiriz cualifica de malos os orzamentos de 5 millóns de euros presentados polo Concello
Os concelleiros do PP de Guitiriz amosaron a súa preocupación tras analizar a documentación do borrador de orzamentos que a alcaldesa Marisol Morandeira quere para o municipio para este ano, unhas contas que alcanzan os 5.511.411,60 euros e que “unicamente prevén un investimento de 135.000 en melloras no municipio”.
O voceiro popular en Guitiriz, José Manuel López, sinala que “estamos moi preocupados” por ver como a alcaldesa e o seu equipo de goberno non teñen pensado ningunha actuación para mellorar o municipio e a vida dos seus veciños xa que “con 135.000 euros de investimento pouco se pode facer nun concello tan amplo como Guitiriz”.
Un dato que contrasta cos 150.000 euros previstos para os gastos dos órganos de goberno, é dicir, dos cartos que percibe o equipo de goberno e co aumento na previsión de ingresos que proxecta Marisol Morandeira.
“Segundo as contas que proxecta a alcaldesa, destina máis diñeiro ao equipo de goberno do que se prevé empregar en conxunto para Cultura e Emprego”, denuncia.
Neste senso, José Manuel López indica que “na documentación que nos facilitaron” pode comprobarse como se prevén aumentos significativos na recadación de diferentes taxas e servizos como unha subida do 46% no IBI urbano, o incremento do 25% no IAE, ingresar o dobre polo ICIO e o triplo por taxas de urbanismo, incrementar nun 40% os ingresos polo servizo de abastecemento de auga, ingresar un 60% máis polo servizo de alcantarillado e aumentar nun 30% os ingresos polo servizo da recollida do lixo.
“Vemos como pretenden que os veciños de Guitiriz paguen máis por servizos básicos pero ese diñeiro non se vai empregar en mellorar a vida da veciñanza”, denuncia.