O PP de Guitiriz denuncia a alcaldesa por falsedad documental

TerraChaXa
Desde o Concello aseguran que todas as accións e procedementos administrativos que se levan a cabo desde o Concello "están, como non podía ser doutro xeito, dentro da máis absoluta legalidade"
FOTO-RP-PP-Guitiriz-denuncia-alcaldesa
23 Feb 2026

Os concelleiros do PP de Guitiriz veñen de presentar unha denuncia contra a alcaldesa, Marisol Morandeira, por presunta falsidade documental na xestión do Concello e demais responsabilidades legais nas que puidese incorrer pola xestión de fondos municipais.

Así o confirmou o voceiro do PP en Guitiriz, José Manuel López Rodríguez, no transcurso dunha rolda de prensa na que estivo acompañado por concelleiros do Grupo Municipal, así como dos deputados provinciais Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro, Jose Ángel Santos, Armando Castosa e José Pardo, así como do secretario xeral do PP da provincia de Lugo, Javier Vázquez Nodal.

José Manuel López explicou que a denuncia vén motiva por unha viaxe realizada por Marisol Morandeira a Agueda (Portugal), unha viaxe organizada por unha asociación privada de Guitiriz “á que a rexedora asistiu a título persoal, unha viaxe de ocio”.

Esta viaxe tivo lugar do 9 ao 11 de decembro de 2025 e tiña un custo de 250€ en pensión completa e habitación dobre, cun sobrecusto de 60€ no caso de solicitar habitación individual. O custo máximo era de 310€, pero a alcaldesa decidiu que “esta viaxe de ocio tiñan que pagarlla todos os veciños de Guitiriz” xa que o mesmo día 9 de decembro solicitou no Concello o pago da indemnización en concepto de manutención, pola que percibiu 381,65€ (114,09€ para aloxamento e 51,09€ para manutención, por día).

“Vemos que xa cobrou máis do que custaba a viaxe, polo que como non estaba contenta con que todos os guitiricenses lle pagasen unha viaxe de ocio, tamén decidiu que lle pagasen os regalos para a familia”, criticou.

A motivación da denuncia por presunta falsidade documental vén dada polo que sucedeu o día 10 de decembro, con Marisol Morandeira en Portugal. “Asinou unha acta de xunta de goberno, confirmando que asistiu e a presidiu, algo que era imposible, e, ademais, cobrou as dietas de asistencia”.

“Unha xunta de goberno á que non asistiu xa que estaba en Portugal e á que non puido acceder de forma telemática xa que o propio regulamento do Concello impide participar na xunta de goberno de forma telemática”, denunciou.

A maiores, engádese que “non se pode participar de ningunha xuntanza de ningún órgano colexiado estando fóra do territorio nacional, polo que as nosas sospeitas por presunta falsidade documental están máis que fundamentadas”.

José Manuel López engade que “a nós non nos gusta ter que chegar a este extremo, pero vémonos na obriga de presentar esta denuncia por presunta falsidade documental para defender os dereitos e intereses de todos os veciños e Guitiriz”, ao que engade que “nesta ocasión puidemos detectar esta situación, pero agora temos serias dúbidas sobre en cantas ocasións puido ter realizado este tipo de prácticas”.

Pola súa banda, o voceiro provincial, Antonio Ameijide, sinalou que “como levamos facendo todo o mandato, estamos ao carón de todos os alcaldes e voceiros do partido na provincia para prestarlles axuda en todo o que precisen, polo que hoxe aquí estamos varios deputados do Grupo para arroupar aos nosos compañeiros de Guitiriz aos que lles trasladamos o apoio de todo o partido na defensa dos intereses dos veciños de Guitiriz”.

Ademais, Ameijide sinala que “no caso de que a xustiza confirme este caso de presunta falsidade documental, o goberno provincial de PSOE e BNG quedará novamente marcado pola polémica e a ilegalidade” xa que no que vai de mandato José Tomé tivo que dimitir por varias denuncias por presunto acoso sexual, así como o Tribunal Supremo ditaminou que a compra dunha acción de Tragsa por parte do goberno de PSOE e BNG foi ilegal, así como todas as encomendas posteriores realizadas a esta empresa pública, que tiveron un custo de, polo menos, 11M€.

CONTESTACIÓN DESDE O GOBERNO LOCAL

En relación ás informacións publicadas hoxe relativas ás acusacións do Partido Popular de Guitiriz, desde o Concello aseguran que todas as accións e procedementos administrativos que se levan a cabo desde o Concello "están, como non podía ser doutro xeito, dentro da máis absoluta legalidade".

Engaden que se algún grupo político considera que algunha destas accións administrativas incorre en ilegalidades, está no seu lexítimo dereito de denuncialo. Con todo, consideran que, neste caso, o Partido Popular "está a entrar nun xogo sucio que nada ten que ver co obxectivo claro da política local: traballar para mellorar a vida dos veciños e veciñas. Esta actitude aseméllase máis á forma de actuar deste partido a outros niveis, baseada en promover a crispación e o enfrontamento constante".

A alcaldesa aínda non coñece os feitos concretos dos que se lle acusa, xa que polo momento non recibiu ningunha notificación ou denuncia oficial, explica. "Cando isto sexa así, e continuando coa firme vontade de transparencia que caracteriza a este grupo de goberno en todos os seus ámbitos de actuación, pronunciarase ao respecto para aclarar a situación", conclúe.

0.083575010299683