O PP de Guitiriz lamenta que a alcaldesa se acorde "agora" de mellorar a seguridade nos pasos de peóns
O Partido Popular de Guitiriz lamenta que a alcaldesa se acorde agora de mellorar a seguridade nos pasos de peóns cando este grupo político leva demandando esta actuación dende hai dous anos. Neste senso, consideran que “é unha mágoa” que a socialista “non fose quen de ver” que os populares tiñan razón ata que se produciu un atropelo a semana pasada.
“Así é como goberna a Sr. Polín. Acórdase de Santa Bárbara cando chove, como di o refrán. Dende o PP levamos dicíndolle durante os últimos 24 meses que era necesario facer o pintado, entre outras actuacións, para ter que evitar un mal maior. Ela, como xa nos ten acostumados, mira paro outro lado e, agora, que, desgraciadamente houbo un atropelo, acórdaselle reunirse con Fomento e que hai que buscar unha solución”, critica o voceiro José María Teixido.
“Deixadez de funcións”
Para o popular esta forma de actuar da rexedora “non é máis que outro exemplo da deixadez de funcións” que demostra na xestión municipal. “Cando nos diriximos ao Goberno local en varias ocasións, como aconteceu con este asunto, e lle facemos peticións coma esta, é polo ben dos veciños. Xa lle anticipamos que isto podía pasar e que era necesario mellorar a seguridade dos viandantes. Pero, a Sra. Polín, lonxe de rectificar e de recoller as nosas propostas, fixo caso omiso”, asegura.
Por este motivo, dende o PP advírtenlle á socialista que estarán vixiantes para que cumpra todas e cada unha das actuacións anunciadas, e pídenlle “máis responsabilidade política”, pois o deber de calquera alcalde é ter en conta as peticións doutros grupos, sempre e cando estas vaian destinadas a mellorar o Concello e o benestar dos veciños, tal e como aconteceu neste caso.