O PP de Guitiriz logra a unanimidade do Pleno para retirar a proposta do novo mapa de transporte

TerraChaXa
José Manuel López agradeceu o consenso logrado xa que “non se trata de cores políticas, falamos de defender aos veciños de Guitiriz"
PP-Guitiriz
1 Feb 2025

Os concelleiros do PP de Guitiriz acadaron a unanimidade do pleno para reclamar ao Goberno do Estado que dea marcha atrás coa proposta do mapa concesional do transporte que hai sobre a mesa xa que “é moi prexudicial para numerosos concellos rurais, entre eles Guitiriz”.

O voceiro popular, José Manuel López, agradece a sensibilidade amosada polo resto de grupos da corporación xa que “en eidos como este non se trata de defender unha siglas ou unhas cores políticas, senón que temos que estar todos unidos para defender os intereses de todos os veciños de Guitiriz”.

A realidade é que a proposta do Goberno de Pedro Sánchez contempla a retirada das dúas paradas que hai hoxe en Guitiriz, a do bus que conecta o municipio con Madrid e a do traxecto cara Bilbao. “De seguir adiante coa súa proposta, o que fará o Goberno do Estado é eliminar a conexión de Guitiriz coa Meseta e coa Cordilleira cantábrica, illando a toda a veciñanza”.

A proposta aprobada contempla a petición ao Goberno central de realizar unha nova proposta de mapa, así como manter as paradas que hai en Guitiriz ata acadar o consenso nesa nova proposta.

“Agardamos que o Goberno do Estado recapacite e sente a consensuar coas comunidades autónomas unha nova proposta de mapa, xa que son as comunidades as que mellor coñecen as necesidades de cada territorio”, afirmou, ao que engadiu que “Guitiriz, como outros concellos, non pode quedar sen este servizo esencial”.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular tamén acadaron a unanimidade do pleno noutra iniciativa “de vital importancia para Guitiriz” como é a limpeza do Río Parga e a elaboración dun estudo para coñecer a orixe da contaminación que sofre este río.

0.17024803161621