O PP de Guitiriz pide á Xunta apoio para a mellora do abastecemento
O voceiro do Grupo Municipal do PP de Guitiriz, Xosé María Teixido, solicita apoio técnico e económico á Xunta para impulsar o proxecto de mellora do sistema de abastecemento de auga de Guitiriz. Así llo trasladou ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, nunha reunión telemática na que tamén se interesou por coñecer a situación epidemiolóxica do municipio.
O popular solicita que Augas de Galicia, dentro das súas competencias, colabore técnica e economicamente para desenvolver obras de mellora no abastecemento de auga de Guitiriz tendo en conta que “o abastecemento, o saneamento e a depuración son de competencia municipal”.
O popular xa ten manifestado noutras ocasións o seu interese por que se “garanta o abastecemento de auga a Guitiriz, tanto en cantidade como en calidade”. E, agora, volve incidir na importancia deste proxecto para os guitiricenses porque “é fundamental contar con infraestruturas que funcionen correctamente e, especialmente, en relación a un tema tan importante como é o da auga”. De feito, o popular destaca a necesidade de actuar no sistema de abastecemento porque o existente conta con 30 anos de antigüidade.
Teixido explica que “nos últimos veráns os veciños de Guitiriz tivemos problemas co abastecemento de auga derivados da súa turbidez -que incluso provocaron avarías nos electrodomésticos- e da súa escaseza no verán cando aumenta o seu consumo ao aumentar tamén o número de habitantes. Este ano mantívose o número de veciños debido ás restricións establecidas para frear a pandemia e, polo tanto, tamén se mantivo o nivel habitual de consumo de auga”, apunta. Con todo, o popular defende a procura dunha solución definitiva a este tipo de incidencias a través dunha mellora dos sistemas da estación de tratamento de auga.