O PP de Guitiriz pide explicacións á alcaldesa por negar o atraso das obras da residencia

TerraChaXa
Os deputados provinciais Antonio Ameijide e Armando Castosa comprobaron xunto ao portavoz municipal, José Manuel López, as obras
visita-obras-residencia-guitiriz
25 Sep 2025

O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, o deputado provincial Armando Castosa e o portavoz municipal José Manuel López, comprobaron que “falta moito para rematar a construción da residencia de maiores de Guitiriz” que se atopa “paralizada” porque o goberno de PSOE e BNG vén de resolver o contrato coa adxudicataria. Polo tanto, os populares esixen que “se readxudique o antes posible para rematar as obras e poñer en marcha o servizo que leva anos de atraso debido aos numerosos incumprimentos dos gobernos provinciais bipartitos e da alcaldesa socialista de Guitiriz”.

Os populares lamentan que “a alcaldesa que tamén é deputada do goberno provincial, a señora Morandeira, non fora capaz de xestionar a construción da residencia nos prazos comprometidos” e lembran que “dende o Partido Popular levamos meses advertindo do baixo ritmo de execución” das obras que deberían estar rematadas o ano pasado. Agora, segundo indican, “o procedemento ten que comezar de 0”.

Ameijide considera que “non vai haber residencia neste mandato” porque “PSOE e BNG non estiveron atentos a esta obra”. É máis, cre que “non teñen ningunha intención de rematar a obra e poñer en funcionamento este servizo para os veciños e veciñas”.

As obras de construción da residencia de maiores de Guitiriz sofren unha nova paralización. A anterior fora derivada do derrubamento da coñecida como Casa da Botica que supuxo o pagamento con cartos de tódolos lucenses de preto de 62.000 euros de sancións e recargo polas decisións do goberno provincial que inclúen a execución de obras incumprindo o deber de conservar o patrimonio catalogado.

O portavoz local do PP, José Manuel López, lamenta que “a alcaldesa enganara aos veciños” cando este mesmo verán aseguraba que as obras avanzaban e que agardaba que entrase en funcionamento neste mandato sendo inaugurada por Tomé toda vez que “tiña que ser coñecedora, como integrante do goberno provincial, dos atrasos das obras e que, todo indicaba que, o contrato coa actual empresa adxudicataria sería resolto”. López sinala que “ou a alcaldesa enganou aos veciños ou foi enganada polo goberno presidido por Tomé do que ela mesma forma parte”.

En todo caso, “os veciños e veciñas de Guitiriz continúan sen a tantas veces prometida residencia de atención a maiores”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.089401960372925