O PP de Lugo critica o atraso na construción da A-54 e a A-56

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O PP lucense defende a Lugo como “provincia de primeira” e polo tanto lamenta que o Goberno de Sánchez a considere “de segunda ou terceira”.
elena_candia_jose_manuel_barreiro_visita_gunin
28 Xan 2024

O PP lucense defende a Lugo como “provincia de primeira” e polo tanto lamenta que o Goberno de Sánchez a considere “de segunda ou terceira”. En materia de infraestruturas, “o Goberno do PSOE, co apoio do BNG, mantennos illados con autovías paralizadas dende fai moito tempo, coma a A-54 e a A-56 que comunican Lugo con Santiago e Ourense”.

Integrantes da candidatura do PP ás autonómicas acompañados por senadores, deputados e compañeiros do Partido Popular reivindicaron dende Guntín “maior implicación do Goberno de Sánchez coa implantación de empresas na provincia e a mellora da rede viaria nacional que favoreza a súa competitividade e a comunicación diaria dos lucenses como no caso da A-54 e a A-56, que permitirían dispoñer de vías de alta capacidade coas que comunicarnos con Santiago e Ourense de forma rápida e segura”.

Obras na A-54

Concretamente, os populares condenan “os continuos atrasos na finalización das obras da A-54” e “a falta de vontade política e de aposta real pola A-56. E o que é peor, nin sequera manteñen en bo estado a N-540 que constitúe a principal vía de comunicación polo suroeste da provincia con Ourense e se atopa nun estado terceiromundista”.

Dende o PP lucense explican que “a falta de avances é o que desprende das respostas do Goberno ás preguntas dos senadores sobre as previsións para a posta en funcionamento destas autovías. Sobre a A-54, non foi capaz de dicir unha data para a súa posta en funcionamento e os lucenses seguiremos sen saber cando disporemos desta autovía con Santiago. E no caso da A-56, entre Lugo e Ourense, o mesmo: non hai ningún tipo de previsión”.

Os populares lamentaron tamén que “Sánchez estivera en Lugo, pero non ten no seu discurso as prioridades que temos os lucenses” e isto denota “falta de compromiso por parte do Goberno de Sánchez e dos que o apoian, como é o BNG que é cómplice necesario desta situación”.

Candia, crítica co discurso de Sánchez en Lugo

A número un da candidatura do PP lucense e presidenta da formación popular, Elena Candia, foi moi crítica co presidente do Goberno porque “non dixo absolutamente nada das infraestruturas viarias que se atopan nun estado lamentable que pon en perigo ás persoas que a diario discorremos por elas”. Pero tamén polo seu “silencio inxustificado sobre a chegada da alta velocidade, por non dicir nada sobre o compromiso trasladado ao presidente da Xunta sobre o apoio a Altri nin comprometer o estatuto das electrointensivas que podería garantir un prezo da electricidade competitivo e, por conseguinte, contribuiría a garantir a continuidade dos postos de traballo”.

A popular considera que “este modelo de políticas que desprezan a Galicia non pode trasladarse á Xunta” porque os lucenses e galegos “merecemos infraestruturas, servizos e unha administración que xestione, responda e leve a cabo os proxectos que necesita a nosa provincia e a nosa comunidade autónoma”. Nesa liña, cren que “a propaganda do PSOE e do BNG non aporta nada a Lugo nin a Galicia, que o que precisa son feitos”.

Proxectos innovadores

Membros da candidatura do PP lucense visitaron as instalacións da planta de fabricación de astillas para calefacción da asociación Prodeme, en Monforte de Lemos, onde reivindicaron “a implantación de proxectos innovadores na provincia como fonte de oportunidades”. E, concretamente neste caso, subliñaron que é “posible que a innovación industrial vaia da man da integración social e dende o Partido Popular queremos seguir traballando de forma transversal polo desenvolvemento da nosa provincia e a xeración de oportunidades para todos e todas”.

0.099570989608765