O PP de Muras acusa ao alcalde de cobrar ilegalmente o seu soldo

TerraChaXa
Di que no Pleno no que se aprobou a súa dedicación ao haber empate debería facerse unha segunda votación e non se fixo
CANDIDATURA-MURAS-pp
Os membros do PP con Eugenia Requeijo á fronte
24 May 2024

O PP advirte que “o alcalde de Muras está a cobrar o seu salario de forma irregular porque se saltou a lei no Pleno no que se aprobou a súa dedicación exclusiva”.

O procedemento para a votación nos Plenos está recollido no artigo 100.2 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais: “No caso de votacións con resultado de empate efectuarase unha nova votación, e se persistira o empate, decidirá o voto de calidade do presidente”.

É dicir, a votación para a aprobación do seu soldo non ten validez legal porque ao haber empate (3 votos a favor, 3 en contra e 1 abstención), habería que votar de segundas; pero non se fixo”, explica a portavoz popular, Eugenia Requeijo. “Quedaría aprobado formalmente se repetira a votación e, nese caso, se volve haber empate tería que dicir claramente que quedaba aprobada co voto de calidade do alcalde, que é o que desempata”.

Eugenia Requeijo considera que “o alcalde pretende facer ver que el sempre é o que fai as cousas ben, pero non. Parece que tiña moita presa por aprobar o seu soldo. O que o levou a cometer ese erro foi esa ansia por cobrar, que parece que é o único que lle preocupa como demostrou coa súa rabieta política para conseguir sacar adiante a súa dedicación, como fai sempre para manipularnos e acabar conseguindo o que quere, como un neno pequeno”.

“O alcalde sabe que non fixo as cousas ben, pero non o conta. Engana aos veciños e veciñas, faise a vítima e minte, como fai sempre, para deixar mal aos demais. Quero aclarar que, aínda que el diga que non, o Partido Popular si lle trasladou a súa proposta para sacar adiante o pago de facturas; pero negouse a aceptar. Resúltalle máis fácil acusar á oposición que escoitar de verdade as nosas peticións”, indica Eugenia Requeijo.

“O ano pasado non houbo presupostos municipais. E este ano levamos o mesmo camiño. Se iso pasa será pola falta de traballo do alcalde e o goberno municipal do BNG”, conclúe a popular.

0.16171598434448