O PP de Muras acusa ao Goberno local de mala xestión económica

TerraChaXa
O PP di que o alcalde nacionalista de Muras acumula nos últimos 11 meses 177.000 euros de facturas sen pagar
Casa do Concello de Muras
6 Maio 2023

Os populares afirman que o alcalde nacionalista de Muras acumula nos últimos 11 meses 177.000 euros de facturas sen pagar.

“O alcalde nacionalista de Muras e o seu goberno local bipartito acumulan débedas que suman 177.185,66 euros en facturas de servizos e subministros sen pagar nos últimos once meses”, segundo denuncia a portavoz popular do municipio trala celebración dun pleno extraordinario e urxente este martes convocado polo nacionalista para aprobar a modificación orzamentaria mediante suplemento de crédito e o recoñecemento extraxudicial de créditos. Con este pleno demóstrase que “o alcalde mentiu cando dixo en sesións plenarias anteriores que o período medio de pago a provedores por parte do Concello de Muras é de 48 días.

A popular cre que este pleno foi unha “manobra electoralista e un intento por lavar a súa imaxe antes das eleccións do 28 de maio para quedar ben con todos aqueles aos que lles está a deber cartos, nalgúns casos dende fai 11 meses”. Aínda así, atendendo aos prazos establecidos para estes procedementos, non cobrarán ata despois das eleccións municipais.

Eugenia Requeijo sinala que “este pleno non era urxente porque xa fai tempo que deberían estar pagadas as facturas”. É máis, considera que é “unha vergoña que o Concello de Muras teña facturas sen pagar fóra do prazo legal de 30 días” e cre que “a xestión municipal debe ser doutra maneira” porque “a mala xestión deste goberno da unha mala imaxe de Muras”.

Entre as facturas pendentes de pago atópanse 35.000 euros do subministro de mobiliario e equipamento do chiringuito, subministro de gasóleo e enerxía eléctrica, traballos en camiños, actividades relacionadas coa Romaxe Artesá do ano pasado -da que case pasou xa un ano- e os servizos dunha letrada por representar ao Concello en xuízos “nos que nos mete o alcalde e que rematan de xeito desfavorable para o Concello”.

OPACIDADE E VULNERACIÓN DOS DEREITOS DA OPOSICIÓN

A voceira popular denunciou durante a sesión plenaria a “total opacidade total” do goberno local por “non dar acceso aos expedientes, nin convocar as debidas comisións informativas antes dos plenos (vulnerando os dereitos da oposición), nin as comisións avaliadoras para determinar o pago das facturas da luz”. De feito, no último pleno, os populares solicitaron un receso para coñecer os expedientes das facturas pendentes de pago porque “non imos votar sobre algo a cegas, sen saber de que se trata”.

A popular explica que “o goberno local incumpre a normativa no ámbito de financiamento local” porque “non se pode botar man así dos remanentes”. Igualmente, engade outras irregularidades deste goberno encabezado polo nacionalista Manuel Requeijo como é o feito de pagar a unha empresa 18.000 euros por facer o inventario de bens municipais, pero fraccionados en tres facturas cando “a Administración non pode fragmentar facturas por un mesmo traballo”. Eugenia Requeijo incide en que é “menos ético aínda” tendo en conta que “ese pago é a unha das dúas empresas que fan labores de asesoramento ao Concello polos que percibiron 250.000 euros nos últimos oito anos de goberno bipartito”.

Eugenia Requeijo non pode entender como “a pesar de todo isto, o goberno local siga dicindo que fai unha boa xestión”.

0.21253609657288